Os camiños que abre WikiLeaks, a debate este xoves dende o CESGA

martes, 25 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

Unha das moitas cousas boas de WikiLeaks é que, aparte dos moitos trapos sucios do poder que contribúe a destapar, axuda a pór de manifesto novos xeitos de informar que só poderían ser posibles grazas ao espallamento das novas redes da información. Dito para que se entenda: propostas como WikiLeaks contribúen a que coñezamos para que pode servir Internet e, tamén para que debatamos arredor dela. Este é un dos piares da acción divulgativa que prepara para a Internet Society para ser retransmitida o xoves 27 e con amplo radio de alcance cara a comunidade en liña. Ou sexa, que poderemos seguir a conferencia a partir das 18.00 horas en directo por internet e, amais disto, tamén teremos a opción de achegarnos ao Centro de Supercomputación de Galicia, CESGA, que de xeito simultáneo a outros catro enclaves estatais, fará seguimento da actividade.
No que se refire ao miolo temático da mesma, dicir que será impartida polo xornalista e consultor Luis Angel Fernández Hermana, quen tentará achegar unha serie de claves sobre as seguintes cuestións: Muda WikiLeaks a dirección de Internet, así como tamén o fixeron as redes sociais? Aparece con ela unha nova demanda para xerar coñecemento na Rede? Que organizacións serían quen de asumir este reto?
O relatorio, que estará moderado por Andreu Veà, presidente de ISOC-ES (a división española da Internet Society), incluirá a posta en xogo dun chat específico (con login: anonimo) para propoñerlle preguntas a Fernández Hermana.