Os centros tecnolóxicos amosan potencial perante unha visita do CDTI

xoves, 6 de marzo do 2014 Redacción

Os centros tecnolóxicos integrados na Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (ATIGA) acolleron este mércores a visita da secretaria xeral de Ciencia e Tecnoloxía e presidenta do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), María Luisa Poncela. Ao longo da súa visita aos integrantes de ATIGA (entre os que se inclúe o centro tecnolóxico Gradiant, amais de ANFACO-CECOPESCA, AIMEN e CTAG), Poncela tivo ocasión de coñecer de primeira man as capacidades destes focos de innovación e transferencia tecnolóxica, o labor que realizan facilitando os seus achados á industria e favorecendo riqueza arredor dos mesmos, así como a súa participación en diferentes programas de I+D nacionais e internacionais.
Tamén se lle fixo saber que ATIGA ofrece soporte científico-tecnolóxico a practicamente todos os sectores estratéxicos da nosa terra, mar-industria, alimentación, metal-mecánico, naval, motor, aeronáutico, transporte, novas tecnoloxías da información, audiovisual, acuicultura, biotecnoloxía, sanitario, turismo, enerxético, químico e educativo. Lembróuselle ademais que a alianza achega un volume de ingresos agregado de 38 millóns e que, en total, os activos que manexan as entidades integradas no consorcio superan os 77 millóns de euros. Poncela tamén puído coñecer o seu equipo humano, o seu principal valor: un colectivo de investigadoras e investigadores de 700 persoas. Tamén coñeceu a súa carteira de clientes (1.250 empresas de máis de 30 países) e o número de proxectos de I+D executados en 2013 no seu conxunto: un total de 369, dos cales 62 tiveron carácter internacional.
Durante as visitas, María Luisa Poncela estivo acompañada polos representantes dos centros adheridos a ATIGA: Juan M. Vieites Baptista de Sousa, secretario xeral de ANFACO-CECOPESCA; Fernando Vázquez e Jesús Lago, presidente e director xeral, respectivamente, do Centro Tecnolóxico AIMEN; Luís Moreno, director xeral de CTAG; e Fernando Pérez e Fernando Jiménez, director xeral e xerente de GRADIANT, respectivamente.