Os desafíos da industria dron centraron un encontro galego no que participaron máis de 150 profesionais
mércores, 15 de febreiro do 2023
Este
14 de febreiro clausurouse
a quinta edición do Congreso Internacional Aeronáutico e
Aeroespacial, promovido pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o
Consorcio Aeronáutico Gallego (CAG). No seu transcurso
avanzáronse os tres primeiros informes do Observatorio da Industria
Aeroespacial de Galicia, que sitúan como principais retos a afrontar
polo noso sector o talento, a cooperación e a sustentabilidade. A
directora de GAIN, Patricia Argerey, interveu no peche deste evento
sectorial, no que participaron máis de 150 profesionais.
O
talento, unha maior cooperación entre empresas para acadar máis
capacidade de investimento privado e a sustentabilidade como
oportunidade e elemento diferenciador son tres dos grandes desafíos
da industria aeronáutica e aeroespacial segundo o informe de análise
económica do sector e o seu sistema de valor elaborado no marco do
Observatorio Galego da Industria Aeroespacial.
O
Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) foi escenario
este martes 14 do
V
Congreso Internacional Aeronáutico e Aeroespacial promovido pola
Xunta de Galicia e o Consorcio Aeronáutico Gallego (CAG), que dá
continuidade á xornada monográfica sobre o Polo Aeroespacial de
Galicia celebrada o luns 13 de febreiro no mesmo emprazamento.
A
directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey,
destacou “que o sector privado galego debe liderar os vehículos e
sistemas non tripulados en España e fóra dela, aproveitando os
apoios da Administración autonómica e das convocatorias nacionais e
europeas e transformalos en contratos, en novos investimentos en
innovación e industriais e en emprego”.
Como
dixemos, no congreso presentáronse os tres primeiros informes do
Observatorio Galego da Industria Aeroespacial, relativos á análise
económica do sector, á análise da cadea de valor en Galicia e a
súa integración nas cadeas de valor nacionais e internacionais nos
ámbitos civil e de defensa e ao financiamento da I+D no segmento dos
sistemas non tripulados na Unión Europea.
Durante
o evento, púxose en valor a importancia do investimento público,
que atrae investimento privado e empresas tractoras, como é o caso
da Civil UAVs Initiative, e destacouse “o traballo de promoción
dos sistemas non tripulados realizada pola Xunta de Galicia que
supuxo a consolidación deste segmento na Comunidade, propiciando a
creación de empresas cun forte potencial de crecemento no deseño,
operación e explotación de sistemas aéreos non tripulados”.
Tamén
se analizou o potencial das solucións deseñadas no Polo
Aeroespacial para ser exportadas, nun futuro próximo, nacional e
internacionalmente; así como de proxectos como o U-Space para facer
do espazo aéreo europeo un complexo ecosistema no que coexistan en
harmonía todo tipo de aeronaves, poñendo especial foco na
convivencia segura e eficiente de avións tripulados e drons.
Máis
de 150 representantes de empresas líderes da industria aeronáutica
e aeroespacial galega, pemes, centros de coñecemento e empresas como
Airbus, Babcock, Telespazio, Boeing ou Indra participaron nestes dous
eventos.
