Os eReaders ao alcance nas Bibliotecas Municipais de A Coruña

martes, 12 de abril do 2011 Marcus Fernández

Tati Mancebo comentou a diversidade de dispositivos de lectura que existen na actualidade

Esta tarde na Biblioteca Municipal de Monte Alto tivo lugar unha charla sobre o libro electrónico e os seus dispositivos de lectura impartida por Tati Mancebo, que buscaba ilustrar aos asistentes sobre a historia e evolución do libro electrónico, os dispositivos de lectura que podemos atopar no mercado e a evolución que está a ter o sector da edición dixital, estando dispoñibles durante o evento distintos trebellos para que o público puidese probalos de primeira man, facilitando a súa futura elección de eReader.
Tati Mancebo explicou a longa vida que teñen os e-books e os distintos formatos existentes, que aínda que nun momento tendesen aos documentos PDF, na actualidade publícanse en formatos máis axeitados coma o EPUB ou o Mobipocket, aínda que este baile de formatos acompañado polo uso de tecnoloxías DRM están supor un atranco na normalización do uso de eReaders, posto que os textos que podemos adquirir non son compatibles con todos os dispositivos de lectura. Repasando os trebellos dispoñibles, Mancebo amosou as vantaxes da tecnoloxía de E Ink (destacando a súa autonomía), o reducido prezo dos lectores baseados en pantallas TFT, a posibilidade de ler no ordenador e no móbil e a forza coa que están a chegar ao mercado os tablets como dispositivos de lectura. Grazas a este repaso de hardware, parece que quedou claro que os libros electrónicos poden chegar ao público de moitos xeitos, podendo elixir cadaquén o que lles resulte máis cómodo.
No tocante aos contidos accesibles en soporte electrónico, durante o relatorio detalláronse múltiples plataformas con textos de balde dispoñibles para a súa descarga, á vez que criticouse que entre os produtos de pagamento a oferta en español e galego é moi reducida, acusándose á propia industria editorial da situación, pois non recibiu a mesma presión que a industria musical para mudar os seus modelos produtivos, polo que os e-books están a topar moitos atrancos no seu camiño, aínda que a súa chegada e normalización son inevitables, especialmente porque serán a opción de lectura preferente polas novas xeracións que non desenvolveron a súa vida académica rodeadas do papel como único soporte do coñecemento.
Conversando cos asistentes, Mancebo detallou a situación actual deste sector, e algunhas das iniciativas que están a emprenderse e que poden apuntar tendencias de futuro, resultando en todo momento evidente o interese do público nesta aplicación da tecnoloxía, que deixando a nostalxia a un lado, achega moitas vantaxes para os lectores.
Dende a organización do evento aseguran que é posible que repitan actos semellantes noutros horarios para facilitar a divulgación desta materia, da que Tati Mancebo exerce como unha das máis activas embaixadoras na nosa terra.

Os asistentes á chala puideron probar distintos dispositivos de lectura

PUBLICIDADE