Os enxeñeiros de Telecomunicación celebran o centenario da súa profesión
mércores, 22 de abril do 2020
O Colexio
Oficial e a Asociación Española de Enxeñeiros de Telecomunicación e a
Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia recoñecen a creación do
título de Enxeñeiro de Telecomunicacións o 22 de abril de 1920 como o nacemento
oficial da profesión e por iso desenvolverán unha serie de eventos
conmemorativos ao longo de 2020.
Con esta
celebración tanto o Colexio como as Asociacións queren facer un recoñecemento
para todos os profesionais que ao longo de 100 anos contribuíron co seu talento
e esforzo ao avance e consolidación do sector.
Un século despois
do nacemento do título de Enxeñeiro de Telecomunicación, o nome da profesión
segue sendo o mesmo, pero o papel das telecomunicacións creceu
exponencialmente. Hoxe, convertéronse nun alicerce básico para toda a
actividade humana. A industria, os servizos, o transporte, o comercio, o
ensino, ou a sanidade, precisan dun sistema robusto de telecomunicacións para
desenvolver a súa actividade con éxito.
Un exemplo deste
papel crucial é a crise sanitaria ocasionada a pandemia da COVID-19. As
Tecnoloxías da Información e as Comunicacións están a facer posible que a
sociedade siga funcionando a pesar das necesarias restricións de movemento para
a poboación e a paralización da economía.
Un ano cheo de celebracións
O Colexio e as
Asociacións, co apoio de toda a súa estrutura territorial, puxeron en marcha
unha serie de iniciativas e eventos cun enfoque común: Enxeñeiros de
Telecomunicación: 100 anos conectando emocións. Para este fin, cóntase coa
colaboración de universidades que imparten o título de Máster Universitario en
Enxeñaría de Telecomunicación, de empresas do sector e da Administración
Pública, así como do amplo colectivo de colexiados.
Hoxe, 22 de abril,
celebrarase o centenario do título cunha xornada virtual na que varios
Enxeñeiros de Telecomunicación con diferentes perfís (recoñecidos directivos do
sector, emprendedores, responsables públicos...) debaterán sobre o papel da
profesión ao longo deste século e, especialmente, sobre o seu papel no futuro.
Igualmente, o
COIT/AEIT está a preparar, posiblemente para o mes próximo se as circunstancias
o permiten, un acto en colaboración co Ministerio de Asuntos Económicos e
Transformación Dixital, dado que en maio tamén se celebra o Día Mundial das
Telecomunicacións e da Sociedade da Información.
Ademais dos actos
citados, e outras actividades que se irán anunciado nos próximos meses, tamén
se prevé a realización dun vídeo conmemorativo protagonizado polos propios
colexiados, a publicación de distintos libros e de reportaxes e artigos na
revistas e webs corporativas. Igualmente, propúxose a emisión dunha medalla,
dun décimo de lotaría e un selo conmemorativo, ademais da posta en marcha dos
premios “Impacto Social da Tecnoloxía”. Ao longo dos próximos meses, este
programa irase ampliando con novas convocatorias e iniciativas.
Ademais de
reivindicar unha historia centenaria e chea de fitos relevantes, o Colexio e as
Asociacións tamén queren aproveitar a celebración dos 100 anos do título
oficial para visibilizar o traballo dos Enxeñeiros de Telecomunicación. Tan
importante como coñecer o noso pasado é diagnosticar o presente e afondar na
prospección do futuro, porque a dixitalización xa está a cambiar o mundo e isto
colócanos en primeira liña das múltiples transformacións que está vivindo a
sociedade.