Os nosos novos investigadores xa se poden matricular en STEAM Kids Tecnópole
xoves, 6 de setembro do 2018
O
Parque
Tecnolóxico de Galicia abriu esta semana o prazo de inscrición en
Aulas Tecnópole e STEAM Kids Tecnópole, os seus novos cursos de
formación en habilidades científicas e innovadoras para estudantes
de entre 8 e 18 anos. Segundo informa o Parque, as prazas son
limitadas e a matrícula farase efectiva por orde de formalización.
Como lembraremos, STEAM
Kids Tecnópole é a nova proposta formativa do complexo
empresarial ourensán (substituíndo as anteriores Aulas de
Robótica), unha fórmula que pon o foco en cinco piares fundamentais
para a educación futura das nosas nenas e nenos (ciencia,
tecnoloxía, enxeñería, arte e matemáticas, STEAM polas súas
siglas en inglés) e sen esquecer o fomento integral da creatividade
e o impulso do talento tecnolóxico-científico-artístico que todas
as rapazas e rapaces levan dentro.
De
feito, STEAM Kids Tecnópole quere ser unha iniciativa cos pés na
terra, en sintonía coas novas demandas sociais, investigadoras e
empresariais. Segundo o explica a Tecnópole, “o programa da
actividade aposta por ofrecer aos rapaces e rapazas un conxunto de
actividades de aprendizaxe que xiren arredor de distintos eidos de
coñecemento pero que requiran do uso de todo tipo de habilidades,
tal como sucede na vida real”.
Respecto
do acrónimo que lle dá nome á iniciativa (compendio de Science,
Technology, Engineering, Arts
and Mathematics),
a Tecnópole lembra que a idea é centrarse nestas
aprendizaxes para “ensinar ao alumnado a pensar de forma crítica e
aproximarse á enxeñería ou ao deseño dunha maneira realista
mentres constrúen as súas habilidades matemáticas e científicas”.
Nun
plano máis concreto, os participantes levarán a cabo pequenas
investigacións, construirán robots programables, farán voar
drons, deseñarán instalacións artísticas de base tecnolóxica,
superarán retos interdisciplinares e descubrirán a maxia das
matemáticas.
O
referente inspirador da Tecnópole para esta nova proposta son
entidades que apostan por innovar na educación tales como o
Tinkering Studio do Exploratorium de San Francisco, que segundo
lembra o parque tecnolóxico propón “potenciar o desenvolvemento
intelectual e humano dos máis novos a través de actividades que
combinan diferentes disciplinas”.
A
maiores, para mozas e mozos de 12 a 18 anos, o programa de
habilidades innovadoras de escolares de Parque Tecnolóxico de
Galicia complétase un curso máis coas Aulas Tecnópole, que este
ano alcanzan a súa novena edición. Dende outubro ata maio, cada
xoves pola tarde acollerán un grupo formado por un máximo de 45
alumnos e alumnas. Os seus ámbitos de traballo estarán abertos a
todas as áreas do coñecemento, dende as novas tecnoloxías ata as
ciencias ou as humanidades. Os participantes no curso terán ocasión
de presentar os seus proxectos en Galiciencia.
