Os novos Galaxy S10 chegan presumindo das mellores pantallas e cámaras do mercado

martes, 5 de marzo do 2019 Marcus Fernández

A poucos días da chegada ás tendas dos novos Samsung Galaxy S10 temos que os seus grandes reclamos de venda están a demostrar estar á altura do anunciado, e tanto a pantalla como a cámara dos novos teléfonos sitúanse nos primeiros postos do mercado se atendemos ás probas realizadas por parte dos grandes referentes da industria como son DxOMark e DisplayMate.

A mellor pantalla nun smartphone

Que a pantalla Dynamic AMOLED do Samsung Galaxy S10 sexa a mellor do mercado era algo esperable, xa que Samsung é o fabricante de pantallas OLED máis importante do mundo, de xeito que non sorprende que equipe o seu novo produto insignia co mellor panel posible, e dende DisplayMate confirman estamos ante a mellor pantalla vista nun smartphone, presentando a maior precisión nas cores atopada nunha pantalla probada por esta compañía (asegurando que visualmente acada a perfección), e rexistrando moitos outros records en factores como o brillo da pantalla, a relación de contraste, baixo nivel de reflexos... conseguindo tamén unha redución das variacións do brillo e as cores en función do ángulo de visión.
Aínda que poderiamos pensar que o feito de que este smartphone teña unha pantalla con resolución 3K sería peor que algunha pantalla con resolución 4K, dende DisplayMate sosteñen firmemente que no tamaño de pantalla dun smartphone é imposible distinguir entre 3K e 4K, polo que unha maior resolución de pantalla que a do S10 non supón imaxes máis nítidas (ou sexa, que o 4K en teléfonos sería principalmente un argumento de marketing).

As mellores cámaras

GIF - 100.6 KB
A cámara traseira tripla dos Galaxy S10 e S10+ ofrece un ultra grande angular que pode resutlar moi atractivo

Pero a análise das cámaras do Samsung Galaxy S10+ realizada por DxOMark tamén é algo que terá moito peso nas decisións de compra, xa que a cámara traseira tripla do novo móbil insignia de Samsung conseguiu unha puntuación de 109, empatando co Huawei Mate 20 Pro e o Huawei P20 Pro, de xeito que colocaríase no podio dos smartphones no que á cámara traseira se refire, pero se analizamos a súa cámara frontal o resultado é aínda máis notable, cunha puntuación de 96, superando os 92 puntos do Pixel 3 e do Galaxy Note9, e quedando a bastante distancia dos 82 puntos do iPhone Xs Max ou dos 75 puntos do Huawei Mate 20 Pro.
Temos así que, en conxunto, o Galaxy S10+ sería o smartphone con mellores cámaras do mercado segundo os criterios de DxOMark. Se amais temos en conta a versatilidade da súa cámara traseira tripla (con 3 angulares diferentes), a dobre apertura da súa cámara traseira principal (capaz de alternar entre un f/1.5 e un f/2.4), as grandes posibilidades de gravación de vídeo (coa posibilidade de xerar vídeos 4K con HDR10 ou realizar vídeos Full HD estabilizados, así como efectos de cámara super-lenta) e o feito de que a cámara frontal é capaz de gravar vídeo en 4K e realizar efectos de desenfoque de fondo, podemos asegurar que estamos ante un dispositivo que será o rival a bater polo resto de fabricantes nos vindeiros meses.

PUBLICIDADE