Os participantes en Yuzz Santiago tentarán pór en marcha un proxecto innovador con cinco euros de capital
luns, 13 de febreiro do 2017
O Centro Yuzz
Santiago impulsa e promove a celebración este martes en Compostela
dun desafío innovador (innovador tanto na forma, coma no contido,
coma na meta a perseguir). Trátase,
máis en detalle, do Reto
dos 5 euros,
unha simulación empresarial exprés
na que os corenta participantes da aceleradora de proxectos
innovadores Yuzz Santiago, divididos en equipos de dúas persoas,
terán que enxeñar un modelo de negocio innovador
e potencialmente rendíbel a
partir dos mínimos recursos. Neste caso, un capital semente de cinco
euros. Os ingredientes, a parte deste orzamento de partido, terán
que ser cadanseu maxín e creatividade.
O método do desafío,
ideado por Tina Seeling (directora executiva do Standford Technology
Ventures Program (STVP) na Universidade de Standford), parte da base
de esixir aos participantes uns prazos e un emprazamento concreto de
traballo, xeralmente unha zona altamente comercial e transitada dunha
cidade. Tendo en conta isto, Yuzz Santiago elixiu para a actividade
do martes a rúa Algalia de Arriba como “enclave estratéxico”.
Concretamente a contorna do número 29 e no horario que vai das 16.00
ás 20.00 horas. As/os vencedoras/es do reto serán aqueles
participantes que máis diñeiro gañen co capital devandito e o seu
enxeño. A asociación de comerciantes de Compostela Monumental
colabora coa cesión do local e coa difusión da proba nos medios e
comercios do casco vello.
Como lembraremos, o
programa Santander Yuzz Xente Nova con Ideas, no que se insire Yuzz
Santiago, é unha oportunidade para formarse de maneira gratuíta e
adquirir habilidades profesionais e os coñecementos precisos para
sacar adiante unha idea empresarial innovadora e de base tecnolóxica,
da man de expertos de primeiro nivel. Xunto á formación presencial
en innovación, liderado, finanzas, mercadotecnia ou modelos de
negocio, entre outros contidos, hai un equipo de titores que se
encarga de asesorar aos participantes durante todo o programa.
Unha vez finalizado o
proceso de formación, os mellores emprendedores de cada un dos
centros viaxarán a Silicon Valley, en palabras dos organizadores do
programa “a meca mundial da innovación”.
Ademais, o tres
mellores proxectos de todo o ámbito estatal recibirán unha dotación
económica para axudarlles a pór en marcha o seu negocio: 30.000
euros para o primeiro premio, 20.000 euros para o segundo e 10.000
euros para o terceiro; ademais dos premios nacionais outorgarase o
premio Yuzz Muller dotado con 20.000 euros.
Este Programa está
promovido por Banco Santander a través de Santander Universidades e
coordinado polo Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE) e
conta coa colaboración, a nivel local, da Universidade de Santiago
de Compostela e da Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia.
O programa desenvólvese en máis de 50 cidades con centros de
formación propios en cada localidade. Nel participan, tamén, A
Coruña e máis Lugo.