Os responsables de Luzes presentan novo número e lembran que xa acubillaron 10.000 visitas na web de seu

venres, 17 de xaneiro do 2014 Fernando Sarasketa

Onte presentouse na libraría Librouro de Vigo o novo número da revista Luzes e aproveitouse a ocasión para facer reconto do acadado ao longo da breve pero intensa vida desta nova publicación galega, lanzada en papel e achegada tamén na Rede a través da web de seu. Na xuntanza cas lectoras e lectores, os responsables de Luzes fixeron saber que a revista ten conta propia en Twitter, que ao longo do primeiro mes de vida foi quen de xuntar 2.000 seareiras e seareiros e que conta con 700 subscritores. Asemade, xa se rexistraron 10.000 visitas nos últimos trinta días á web oficial. “Todo isto”, fixeron saber, “non fai máis que apoiar o nacemento do proxecto”.
Na cita interviñeron os dous directores da revista, Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro; o coordinador da publicación, Iago Martínez; unha das integrantes do consello de redacción, Tati Mancebo; e máis o xornalista Eduardo Rolland, colaborador deste último número, unha achega que inclúe como reportaxes principais, entre outras, un achegamento á revolta dos comuneiros de Cabral e outro á caída do empresario Fernández de Sousa en Pescanova. Tamén se xunta documentación sobre a batalla xudicial de Darío Rivas dende Arxentina contra os crimes do franquismo.
Lembrar que a revista Luzes chegou ás librarías a comezos do pasado mes de decembro con 1.700 exemplares. “En menos dunha semana estaban esgotados”, fíxose saber onte. Da reimpresión, outras 500 unidades, “apenas queda un feixe para atender a demanda que día a día segue a petar na porta da publicación mensual en papel”, engadiuse. Igualmente, lembrouse que amais da publicación en papel cunha edición de calidade, Luzes acompáñase dun chimpo ás pantallas do tablets e outros dispositivos móbiles de lectura.