Os responsables de Topes de Gama condenados por competencia desleal

venres, 22 de marzo do 2024 Marcus Fernández

A canle de YouTube Topes de Gama, antes coñecida como Andro4all (marca explotada polo grupo coruñés Difoosion), estivo rodeada dunha polémica relativa ás súas prácticas de competencia desleal contra os seus propios socios, xa que os seus fundadores, Carlos Santa Engracia e Jauma Lahoz, tras chegar a un acordo de colaboración co Grupo ADSLZone a través do que promocionaban os contidos da páxina web Topesdegama.com a través de ligazóns incluídas en cada un dos seus vídeos publicados, abandonaron tal práctica en 2019 para promocionar dúas páxinas (comprasmartphone.com e compratuxiaomi.com) creadas a través dunha nova sociedade creada por Santa Engracia e Lahoz.
Os responsables de Topes de Gama non terían informado aos seus socios do novo proxecto empresarial que claramente supoñía un conflito de intereses, nin terían solicitado a debida autorización por parte dos seus socios, de aí que dende o Grupo ADSLZone interpuxeran unha demanda na corte de arbitraxe de Madrid por competencia desleal e abandono de funcións. Como resultado concluíuse que Topes de Gama infrinxiu o seu deber de lealdade e o deber de evitar situacións de conflitos de interese, e ao acreditar que a sociedade creada para administrar as novas páxinas web reportaron beneficios directos e indirectos, condenouse a Topes de Gama a indemnizar ao Grupo ADSLZone por un total de 173.730,76 euros, cabendo aínda recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid.

PUBLICIDADE