Os smartphones afiánzanse como xanelas de uso común para ver o que acontece nos Xogos Olímpicos

mércores, 8 de agosto do 2012 Fernando Sarasketa

Calquera acontecemento que se organice conta xa cos seus trebellos inmortalizadores de intres e, polo tanto, coa súa comunidade de seareiras/os nas redes á procura deses intres inmortalizados. Se isto é válido e aplicábel para eventos familiares (estrea da grella para churrasco, inauguración oficial de piscina doméstica), éo tamén para un acontecemento de interese mundial como os Xogos Olímpicos, onde os smartphones convertéronse xa, con perdón dos deportistas, nos actores principais das competicións. Así nolo certifica Google, que sinala que as buscas feitas a través destes aparellos multiplicáronse por 10 durante a primeira semana das Olimpíadas, achegando cifras de uso que están por enriba das acadadas por portátiles e tablets.
Salientar, neste senso, as subidas de actividade móbil xeradas pola propia cerimonia de inauguración dos xogos, uns intres nos que, informa Google, a maioría das seareiras e os seareiros do deporte a nivel mundial colleron o seu teléfono intelixente para atopar información actualizada e recente “sobre as incribles fazañas e as celebridades que se deixaron ver na pantalla”. Por exemplo o ex beatle Paul McCartney tocando Hey Jude ao final da gala, seguido de preto por máis smartphones que por computadores ao uso.
Segundo apunta o buscador dende a súa bitácora, hai países que salientan especialmente nesta aposta case xeral polos smartphones, é o caso de Reino Unido, Países Baixos, Alemaña ou Francia, que abranguen máis de un terzo das procuras efectuadas dende os trebellos móbiles en Europa. No caso asiático, salienta Xapón, con máis da metade das operacións. A natureza das buscas é do máis variado, pero todas elas teñen o elemento común da cuestión olímpica: atletas, deportes, acontecementos e rexistros.

PUBLICIDADE