Os usuarios do Windows 7 poderán escoller o seu propio navegador

luns, 27 de xullo do 2009 Raquel Noya

Microsoft, na súa teima por seguir afianzando unha posición óptima no mercado de navegadores de Internet, logo de que sistemas como Firefox ou Chrome avanzaran paseniñamente na captura de usuarios, vén de anunciar a súa intención de permitirlle aos futuros usuarios de Windows 7, escoller o navegador que desexen instalar.
Isto, que nun primeiro momento pode parecer contraproducente para a compañía, xa que podería levar aos usuarios a decantarse por outros navegadores, é un logro para a creadora do Windows 7, un sistema operativo que inicialmente iba venderse sen Explorer.
Xa que logo, os usuarios da vindeira aplicación de Microsoft poderán escoller, se todo segue o seu curso, o navegador que desexen para moverse pola Rede, sen que lle veña imposto polo propio distribuidor.
O feito de que Microsoft comercializase en Europa o Windows 7 sen Explorer foi unha xerra de auga fría para a Comisión Europea, que recibiu a nova con desagrado por “tratarse dunha iniciativa que podería perxudicar aos usuarios”.
Agora, a CE e Microsoft achegaron posturas para atopar unha solución axeitada e parece ser que a de incluír a opción de instalar o navegador que máis convenza aos usuarios, foi a mellor valorada por todos.
O Windows 7, de ter chegado finalmente ao acordado coa CE, incluirá na súa pantalla de inicio unha opción que levará aos usuarios a escoller, ou ben o Explorer, como predeterminado, ou ben cambiar a algún outro navegador da competencia, establecelo como predeterminado e desactivar o de Microsoft.
A Comisión Europea, pola súa banda, vén de admitir esta proposta como “satisfactoria” polo que vai estudar o caso a fondo para ver se, finalmente, se garanten os dereitos de elección dos usuarios e se axusta ás leis antimonopolio.

PUBLICIDADE