Os xogos de Tomb Raider deixan de dobrarse ao castelán
venres, 5 de xuño do 2026
Crystal Dynamics anunciou que Tomb Raider: Legacy of Atlantis estará dispoñible o vindeiro 12 de febreiro de 2027 para PlayStation 5, Xbox Series X|S e PC. O título recupera a aventura orixinal de Lara Croft de 1996 a través dunha reinterpretación desenvolvida desde cero en colaboración con Flying Wild Hog e empregando Unreal Engine 5.
A proposta busca modernizar o clásico que definiu o xénero das aventuras de acción sen renunciar á súa esencia. Os xogadores volverán percorrer localizacións emblemáticas como o Val Perdido do Perú, as ruínas de Grecia, os desertos de Exipto ou a misteriosa Atlántida, agora recreadas con gráficos de nova xeración, son máis detallados e mecánicas actualizadas para a exploración, os combates e a resolución de crebacabezas.
Un dos cambios máis destacados afecta ao deseño dos escenarios. Os crebacabezas e as áreas de exploración foron redeseñados para ofrecer espazos semiconectados que permiten abordar os desafíos desde distintas perspectivas. Os desenvolvedores explican que cada localización foi concibida como un lugar coherente e vivo, cheo de segredos, obxectos coleccionables e recursos que recompensan a exploración.
A historia mantén a procura das pezas do Scion, un artefacto de poder incalculable, pero amplía a narrativa con novas conexións destinadas a relacionar a primeira aventura de Lara Croft co seu futuro dentro da saga. O percorrido levará á arqueóloga británica por paisaxes perigosas cheas de trampas, criaturas salvaxes, mercenarios e seres mitolóxicos.
A mobilidade tamén recibiu unha importante actualización. Lara poderá aproveitar a súa axilidade, forza física e un gancho para escalar, balancearse e superar obstáculos, mentres que os crebacabezas combinarán elementos clásicos da serie con novas mecánicas baseadas na manipulación da auga, a redirección de feixes de luz, a activación de mecanismos antigos e a interpretación de símbolos.
O combate apostará polas emblemáticas pistolas dobres da protagonista, acompañadas doutras armas desbloqueables. As habilidades acrobáticas terán un papel central nos enfrontamentos contra inimigos humanos, animais e criaturas fantásticas, incluídos os coñecidos dinosauros que apareceron no xogo orixinal.
O título comercializarase en varias edicións. A edición estándar terá un prezo de 59,99 euros e incluirá o xogo completo en formato dixital e o traxe Survivor como incentivo de reserva. A edición Deluxe, por 69,99 euros, engadirá 48 horas de acceso anticipado, o traxe Parisian Fugitive e un contido descargable de historia que chegará despois do lanzamento. Estas versións están xa dispoñible en reserva, mentres que a edición para coleccionistas aínda se fará agardar, e incluirá os contidos da edición Deluxe xunto con varios elementos físicos: unha estatua de Lara Croft enfrontándose a un T-Rex, un minilibro de ilustracións, un chaveiro de talismán do triunvirato, unha insignia de selo Croft e unha caixa metálica.
Pero coa apertura das reservas deste xogo chegou tamén unha mala nova para os usuarios españois, xa que puido constatarse que o xogo non incluirá dobraxe en español de España, o que resulta bastante rechamante se temos en conta que incluso se dobrou ao polaco. Iso levou a que se emprendese unha recollida de sinaturas en liña, que xa xuntou preto de 18 mil, esixindo que o novo xogo conte con voces en castelán, como veñen recibindo os xogos da serie dende o Tomb Raider 3 de 1998.
Último tráiler do xogo
