PhotoILike consegue recortar a uns segundos o tempo adicado a xestionar a venda dunha vivenda
xoves, 16 de xuño do 2022
A
empresa da Coruña PhotoILike,
centrada en mellorar o mercado de vivendas con Intelixencia
Artificial, vén de compartir os seus últimos avances tecnolóxicos.
Estes pasan, entre outras cousas, por achegar tecnoloxías
intelixentes que revolucionen a xestión de vendas de inmóbeis,
simplificando uns procesos que sen as ferramentas innovadoras
axeitadas tenden a alongarse (selección de imaxes, etiquetado,
ordenamento correcto e outros mecanismos para conseguir que os pisos
e casas se aluguen ou venda en períodos máis breves de tempo). En
concreto, os investigadores de PhotoILike conseguiron certificar os
resultados do seu servizo AutoAd constatando, entre outras cousas,
que os vinte minutos de xestión dunha vivenda se reducen a vinte
segundos coa aplicación de Intelixencia Artificial.
En
termos de vendas, conseguiron demostrar tamén que o uso da dita
ferramenta da empresa coruñesa incrementou máis do 15% a conversión
de anuncios inmobiliarios de Abanca a través do portal inmobiliario
Idealista, referente no sector. “O uso sinxelo de AutoAd non fai
máis que pór en evidencia que as mellores tecnoloxías cuxo
desenvolvemento é complexo e custoso, deben ser manexábeis polo
usuario final”, sinalan dende a firma galega, salientando tamén os
esforzos postos en xogo para afinar os resultados: “O 95% dos
anuncios que tiveron éxito para vender inmóbeis foron xestionados
co software AutoAd”.
Detrás
desta innovadora empresa atópase un equipo de profesionais
relacionados coa Universidade da Coruña, entre os que está Juan
Romero, quen acaba de recibir o premio Award for
Outstanding Contribution to Evolutionary Computation in Europe,
outorgado pola Society for the Promotion of Evolutionary
Computation in Europe and its Surroundings (SPECIES), un galardón
que avala a nivel internacional aos investigadores que máis
contribúen ao ámbito da Intelixencia Artificial e a Computación
Evolutiva.
“Estamos
a asistir ao auxe das tecnoloxías como facilitadoras de procesos que
até agora eran comúns entre os traballos máis tediosos e moitas
veces supeditados ao criterio individual de quen os realizaba.
Veremos que máis nos depara o eido da Intelixencia Artificial
mentres asistimos orgullosos ao éxito dunha empresa local que coloca
a Galicia no panorama máis visíbel da innovación tecnolóxica”,
engaden dende a empresa da Coruña.