Phottic rende homenaxe a Arsenio Iglesias en dixital e en papel

venres, 21 de abril do 2017 Marcus Fernández

Xan Fraga escoitando comentarios sobre o libro da boca do propio Arsenio Iglesias

Esta tarde o Auditorio da Fundación ONCE na Coruña foi o escenario da presentación do libro de Xan Fraga, De Arsenio a Arsenio, vintedous anos de historia deportivista (1951/52-1972/73), nun acto no que, aparte do autor e do protagonista do texto (o adestrador Arsenio Iglesias) tamén estiveron presentes o presidente do R. C. Deportivo, Tino Fernández, e o director da Editorial Phottic, Manuel Pan. Entre o público estaban numerosos representantes da vida do Deportivo, dende directivos até seareiros, que coa súa presenza rendían homenaxe á traxectoria de Arsenio Iglesias.
A publicación deste libro supón un importante paso para Phottic, compañía que pese a ter o seu produto central na Internet, está a desenvolver paralelamente un proxecto editorial moi atractivo no que a recuperación da memoria histórica pasa das pantallas ao papel, o que xoga un importante rol na divulgación e conservación de contidos de grande interese. Podemos ver así como este novo volume complementa á perfección a plataforma Recordos en Branco e Azul, coa que o Deportivo quere recuperar a súa historia a través de fotografías, e que presentouse hai poucos meses; e precisamente boa parte do material gráfico contido no libro que vén de publicarse está recompilado nunha colección en liña de máis de duascentas imaxes dentro da plataforma web de Phottic, na que figuran fotografías, recortes de prensa e outras imaxes rescatadas para a súa conservación.
O director de Phottic, durante a presentación desta nova publicación impresa, comentou que «hoxe teño a sorte de estar acompañando a tres persoas que para min son xente que sempre tiven como referente. Dende Tino, que para os que somos do sector tecnolóxico sempre foi unha persoa que tivemos como un referente absoluto (lembro que nun Iniciador díxome algo que a min empresarialmente marcoume moito que foi «eu ficho por aptitudes e non por actitudes», algo bastante interesante, o poder das persoas); a Xan, que é o autor do libro, que coñecino hai anos nun proxecto moi similar a este (hoxe estou aquí en parte por aqueles proxectos nos que Xan, Carlos Díaz e Miguel Anxo Fernán-Bello me deron a posibilidade de participar, e onde vin o importante que era poder recuperar aquela historia que só cada un de nós sabe, para que quede para as xeracións futuras, que é o que pretendemos facer coa nosa editorial); e co querido Arsenio».
Tino Fernández engadiu que «moi pouca xente ten a sorte de ter un Arsenio. E posiblemente tardaremos en ter outro que veña detrás e do que poidamos falar todo o que falamos de Arsenio, como xogador, galego, como afeccionado, home de aquí, polos valores, polas diferentes etapas nas que veu, por ser capaz de subir xogadores do Fabril, por estar nos momentos de penuria... non hai outro Arsenio. Pero no Deportivo non hai outro Arsenio á vista proximamente. Por tanto, temos unha inmensa sorte de ter á persoa viva máis importante do Deportivo, posiblemente da historia do Deportivo. Toda homenaxe, todo libro, toda película, todo calendario... que fagamos con Arsenio como protagonista é pouco para o que realmente penso que se merece».

O libro

O título De Arsenio a Arsenio delimita un período temporal do club coruñés marcado pola fichaxe do ex xogador e ex adestrador Arsenio Iglesias, que se convertería en todo un referente para o R. C. Deportivo e pretende renderlle, ao tempo, unha humilde homenaxe a unha figura transcendental do deportivismo. A traxectoria do Deportivo, que posteriormente dará lugar ao Super Depor, non pode entenderse sen a existencia previa de Arsenio e a súa forma de sentir e vivir o fútbol. Xan Fraga recolle no libro unha conversa co artífice daquel equipo que lle confesa: «Mira Xan, eu só sei ser deste equipo!». Este libro é iso: sentimento e orgullo deportivista pero tamén crítica.
En De Arsenio a Arsenio, Xan Fraga reflexiona e analiza cales foron as circunstancias que marcaron a traxectoria do Deportivo, un club que sempre estivo fondamente ligado á cidade da Coruña e á súa afección. De feito, ó longo do período analizado pódese comprobar que as mellores etapas do club correspóndense coas que máis atención se prestou á canteira e coas que máis se mirou por dotalo de infraestruturas e equipamentos. En opinión do autor «a ausencia dun plan a longo prazo e os moitos problemas económicos que arrastraba o club fixeron que se perdera unha magnífica oportunidade para conformar un gran equipo daquela porque, precisamente neses anos e case de forma espontánea, xurdiron na canteira xogadores excepcionais que nunca duraron moito xa que eran traspasados para obter cartos e saldar débedas». Así, unha parte importante desta análise é para o fútbol modesto dos xuvenís que neses 22 anos tivo unha canteira extraordinaria e deu grandes futbolistas, non só para o deportivismo, senón tamén para a Selección Española como Luís Suárez (que aínda hoxe, 60 anos despois, mantén o título de único español que logrou o Balón de Ouro), Amancio (Balón de Bronce), Cheché Martín, Maristany, Pellicer, etc. todos eles campións cos seus respectivos equipos ou os míticos gardametas Acuña (catro trofeos Zamora), Otero (tamén gañador do trofeo ó porteiro menos goleado) e Rodrigo (outro gran deportivista incondicional). Mención especial tamén merecen outros grandes deportivistas que se converteron en lenda como Pahíño, Manolete, Beci, Jaime Blanco, Loureda, etc. O libro recolle tamén estatísticas, anécdotas, fazañas ou goles destacados. É, en definitiva, unha análise pormenorizada da historia do equipo durante ese período, e tanto pode atoparse para a súa compra nas librarías coruñesas como na tenda en liña de Phottic.

PUBLICIDADE