Pilz mostrará nas JAI de Vigo os seus últimos achados en Industria 4.0
xoves, 22 de febreiro do 2018
Entre
as empresas que van ter presenza nas Xornadas
de Automatización Industrial da Universidade de Vigo (JAI 2018),
entre o 12 e o 16 de marzo, atópase a
compañía xermana Pilz que, para que non o saiba, é unha firma
adicada á automatización segura con presenza en España e en
Portugal, e que salienta no mercado internacional polo compoñente
innovador dos seus sistemas e servizos para simplificar e facer máis
segura a introdución da Industria 4.0 en máquinas e instalacións
de todo o mundo. A empresa participará no conxunto de exposicións
orais con dous relatorios, que presentarán os logros da compañía e
os seus achados no eido da seguridade na automatización.
O
martes 13 de marzo de 17:00 a 18:10 horas, Nuno Güedes, country
manager Portugal, achegará o relatorio Estándar e
Seguridade, todo nun; PSS4000 o teu mellor aliado; PAS VISU,
Visualización óptima dos teus proxectos en automatización. O
mércores 14 de marzo de 17:05 a 18:10 horas, Toni Guasch, experto en
desenvolvemento de robots, centrará a súa intervención na
Seguridade aplicada en Robótica Colaborativa. Todas as
exposicións realizaranse no salón de actos da Escola de Enxeñaría
Industrial de Vigo.
Pilz,
amais de informarnos dos contidos das súas intervencións, aproveita
para destacar as boas oportunidades de promoción e colaboración que
se abren coas JAI: “Esta cidade galega será a capital durante eses
días da Industria 4.0 e a robótica, cun amplo programa de
relatorios das empresas líderes no sector, nunha cita estudantil xa
tradicional que se converteu nun encontro empresarial da industria
española”.
As
xornadas, como lembraremos, están organizadas pola Universidade de
Vigo (sendo o seu principal impulsor o profesor Ignacio Armesto) e
oriéntanse á difusión formativa e informativa das máis
innovadoras tecnoloxías de automatización industrial. Cun programa
de 38 horas de conferencias por parte de 32 empresas, o evento
ofrecerá un repaso por varias disciplinas clave da enxeñaría: a
robótica, nos seus eidos colaborativo e sensitiva, móbil e social;
a fabricación aditiva; as realidades virtual e aumentada; e a
Industrial Internet of Things
(IIoT).
