Poio formou aos profesionais do turismo no uso das redes sociais

venres, 24 de febreiro do 2023 S. P.

O Concello de Poio activou unha serie de formacións para profesionais do turismo, a través da segunda edición do programa Descubre Poio. A pasada semana o Casal de Ferreirós, na parroquia de San Salvador, acolleu unha sesión formativa centrada no uso das redes sociais. A cita, na que tomou parte a tenente de alcalde e concelleira delegada da área, Silvia Díaz (Avante Poio), estivo ao cargo de Alberto Ribas, Alvientooo, blogueiro especialista en viaxes e creador de contidos veciño de Poio.
Durante a sesión abordáronse cuestións sobre o manexo da rede Instagram, incidindo en temas como a creación dunha conta, a súa configuración e a xestión de fotografías e actualizacións, con vistas a acadar un maior rendemento no que a promoción e visibilidade se refire. “Achegáronse pautas moi útiles tanto para profesionais que xa contan cun certo nivel e experiencia no uso das redes sociais como para persoas que precisan dunhas ferramentas máis básicas”, indicou Díaz.
A esta primeira formación do ano 2023 seguirá a vindeira semana, concretamente o luns 27, a primeira xuntanza de traballo desta segunda edición do Descubre Poio. Esta terá lugar tamén en Ferreirós e para poder participar na mesma será preciso inscribirse chamando ao 625120475 ou enviando un correo electrónico a ola@descubrepoio.com. Ademais as formacións gratuítas terán continuidade en marzo con sesións sobre rendibilidade e custes e novas tecnoloxías.