Política Lingüística convoca 35 cursos preparatorios do CELGA, 26 deles en liña
venres, 10 de febreiro do 2023
O
plan de formación en lingua galega da Xunta de Galicia (Secretaría
Xeral de Política Lingüística) segue dar pasos adiante na súa
estratexia de mesturar o formato
presencial e en liña para chegar “a calquera lugar” e,
polo tanto, a calquera persoa interesada en formarse no galego e
acreditar a súa formación.
Así se recolle na resolución da Consellería de Cultura, Educación,
FP e Universidades que publican o Diario
Oficial de Galicia
(DOG) e o Portal
da Lingua Galega
pola que se anuncia, con carácter voluntario e gratuíto, a
convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para
obter os certificados de lingua galega, CELGA
2, CELGA
3 e CELGA
4.
En
total, a Goberno galego convoca 35 cursos titorizados (9
presenciais e 26 en liña)
preparatorios das probas para a obtención dos certificados en lingua
galega CELGA
2, 3 e 4, o que supón, en
palabras da Secretaría Xeral de Política Lingüística,
“máis de 1000 prazas totais”.
As
persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes de
inscrición, tanto de cursos presenciais como en liña, a través da
plataforma de teleformación da Secretaría Xeral de Política
Lingüística entre o 13 de febreiro e o 3 de marzo. Cada persoa
só poderá inscribirse nun único curso.
No
caso de que algún dos cursos teña máis solicitantes ca prazas, a
asignación destas será por sorteo e nunca por orde de entrada de
solicitudes. O dito sorteo realizarase en acto público o día 10 de
marzo, ás 12 h, no salón de actos da Secretaría Xeral de Política
Lingüística, en Santiago de Compostela. O resultado será publicado
no Portal da Lingua Galega.
Cada
curso terá unha duración de 70 horas e as datas de realización
destes van do 20 de marzo ao 11 de maio. Os presenciais terán lugar
en distintos centros de ensino das sete cidades galegas mentres que
os impartidos en liña se realizarán a través da plataforma de
teleformación de Política Lingüística.
Os
cursos teñen carácter gratuíto e non xeran por si mesmos dereito a
ningún tipo de certificación, pois están destinados á preparación
das probas conducentes á obtención dos certificados de lingua
galega Celga.
A
maiores deste cursos titorizados, a Secretaría Xeral de Política
Lingüística tamén ofrece a través da súa plataforma de
teleformación cursos CELGA
de autoaprendizaxe nos seus catro niveis, aos que a cidadanía pode
acceder libremente en calquera momento, pois non están suxeitos a
límites de prazas nin a datas de impartición. Estes cursos inclúen
exercicios de léxico, gramática e comprensión e expresión oral e
escrita, con actividades nas que o propio alumnado pode comprobar os
seus progresos e consultar as respostas. Grazas a estes cursos de
autoaprendizaxe, cuxa oferta se iniciou en 2021 co CELGA
1,
continuou en 2022 co CELGA
2 e CELGA
4 e se completou no presente ano co CELGA
3, formáronse ata o de agora máis de 7000 persoas.
