Política Lingüística e Ineo dan a coñecer os detalles da iniciativa para introducir o galego nos móbiles

mércores, 10 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, deu a coñecer a campaña O teu móbil en galego.

O galego é un valor, xa non só como piar da nosa identidade, senón tamén como fonte de riqueza no económico. Con estes termos clausurou hoxe a secretaria xeral de Política Lingúística (Marisol López) o acto oficial de presentación dunha campaña a catro bandas (participan o dito departamento, Ineo, cinco operadoras e outros tantos fabricantes) dirixida a corrixir unha eiva de anos: o baleiro da nosa lingua na meirande parte dos servizos de telefonía móbil (agás honrosas excepcións procedentes de Euskadi). A presentación da iniciativa O teu móbil en galego, organizada no Hotel Monumento San Francisco de Santiago, complementou o que ben se pode entender como o miolo do encontro deste mércores: a sinatura do convenio que senta os alicerces do programa, no que participaron Marisol López, Jorge Cebreiros (Ineo) e os representantes das cinco compañías operadoras (Orange, R, Telefónica Móviles, Vodafone e Yoigo) e das cinco fabricantes (Alcatel, Morotorola, Nokia, Samsung, Sony Ericsson) que participan nesta aposta polo galego no tecnolóxico.
A idea de Política Lingüística (promotora da iniciativa) non é outra que achegarlle a lingua galega aos usuarios e usuarias de telefonía móbil que queiran empregar o galego no seu trebello. O movemento de ficha das operadoras, que en boa maneira se fixo agardar ao longo destes anos, contará coa asociación empresarial galega Ineo en materia de coordinación e mediación, facendo de ponte entre a Xunta e as compañías de telecomunicacións.

Unha nova web informa de cómo galeguizar os nosos móbiles

Asemade, a entidade con sede en Vigo foi a responsable (entre outras máis cousas) da posta en marcha da web da iniciativa, un espazo en liña que é a columna vertebral do programa e no que poderemos atopar información polo miúdo sobre dúas cuestións que a partir deste intre (e xa era hora) irán máis parellas: os móbiles e o galego. Amais disto, na web obteremos datos sobre as aplicacións tecnolóxicas na nosa lingua que os fabricantes incorporan aos terminais e tamén sobre os recursos de relación cos usuarios que as operadoras teñen en galego. Precisamente, da web e do que achega á comunidade internauta puidemos falar cun dos participantes máis activos no convenio, Jorge Cebreiros, presidente de Ineo, quen subliñou que a páxina, lonxe de ficar parada ou perpetuarse nun simple cartaz informativo, estará actualizada de xeito permanente e dando conta de todo aquilo que en cuestión de tecnoloxía nos toca de preto aos galegofalantes.
Estas e outras medidas coas que Ineo concorre no programa teñen a súa raizame –segundo apuntou Cebreiros- nun compromiso cada vez máis grande das empresas galegas (e concretamente das que representa Ineo) por apostar pola nosa lingua como vía de comunicación e valor de riqueza cultural e económica. Ao seu xuízo, é importante que Ineo siga apoiando a incorporación do galego no eido das novas tecnoloxías, e así o vai seguir facendo, subliñou. Como vindeiro gran paso a seguir, engadiu, entra dentro dos proxectos máis firmes da entidade a organización no vindeiro mes de novembro dun congreso internacional da Sociedade Información que sitúe a Galiza, aínda que por uns días, no centro da innovación tecnolóxica a nivel europeo. En breve, sinalou, achegaranse máis detalles da iniciativa.

Datos sobre os compromisos asumidos no acordo

Representantes de operadoras e fabricantes asistiron á sinatura do convenio

Durante o acto de sinatura do convenio deuse conta –entre outras cousas relacionadas co programa O teu móbil en galego- dos compromisos adquiridos no acordo por operadoras e fabricantes. Estes (equipo integrado por Alcatel, Motorola, Nokia, Samsung e Sony Ericcson) asumiron os seguintes retos: implantar de xeito progresivo o galego como opción idiomática nos menús e noutras aplicacións dos terminais móbiles que comercializan en Galiza e, asemade, afianzar tamén de xeito paulatino a nosa lingua nos menús e nas guías rápidas en soporte electrónico que se poidan descargar dese a páxina web creada para este fin.
Polo que respecta ás operadoras, estes foron os seus compromisos:
· Fomentar como un dos requirimentos básicos dos terminais, nos seus pedidos aos fabricantes, que o galego sexa unha opción idiomática dos menus e das aplicacións.
· Realizar campañas dirixidas aos seus usuarios sobre a disposición de terminais en lingua galega.
· Indicar en soportes publicitarios os puntos de distribución dos terminais con opción en lingua galega.
· Ofrecerlles aos seus clientes a posibilidade de renovar ou substituír os vellos teléfonos sen opción de galego por novos aparellos que si a teñan.
Pola súa parte, a Secretaría de Política Lingüística asume o reto de facilitar apoio técnico e terminolóxico ás empresas asinantes, amais de promover axuda institucional a calquera proxecto destas empresas en materia de promoción de lingua e cultura galegas.