Política Lingüística presenta en Cacabelos (León) a web ogalegonobierzo.org

xoves, 9 de marzo do 2023 S. P.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este xoves 9 de marzo, na localidade leonesa de Cacabelos, na XV edición das Xornadas Martín Sarmiento, organizadas no marco das celebración do Día do Galego no Bierzo pola Comisión Cultural Martín Sarmiento co apoio da Xunta de Galicia e da Junta de Castela e León, entre outras entidades. García quixo agradecer un ano máis “a estreita colaboración institucional na consolidación dun proxecto tan comprometido coa diversidade cultural e lingüística como é o Programa de Promoción do Galego no Bierzo e Sanabria, que reforza os vencellos históricos existentes entre Galicia e Castela e León”. No acto celebrouse a presentación da web ogalegonobierzo.org.
O secretario xeral tamén salientou que ao abeiro deste programa “xa son 1.173 persoas as que estudan o galego de forma oficial en León e Zamora, o que supón un incremento de 58 alumnos e alumnas respecto ao curso anterior”. En relación ao milleiro de estudantes que participaron na xornada dixo tamén que “cada ano somos máis os que nos reunimos aquí co gallo de mostrar a nosa aposta pola lingua”.
A xornada festiva iniciouse no Marca de Cacabelos, onde se deu cita o alumnado dos centros leoneses de secundaria e da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada adscritos ao Programa de promoción do galego no Bierzo e Sanabria. Alí tiveron un encontro co colectivo cultural Filandón Berciano, que lles expuxo o seu traballo en actividades relacionadas co patrimonio inmaterial do Bierzo.
De seguido, alumnado e autoridades trasladáronse ao Cine Faba, tamén en Cacabelos, onde se uniu a rapazada de Primaria para asistir á entrega de galardóns da III edición do Premio Morales que, co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, promove a creatividade artística e literaria en lingua galega dos escolares ao tempo que homenaxea ao autor berciano Antonio Fernández Morales, precursor da escrita en lingua galega en Castela.
O acto central, que estivo amenizado por unha actuación de Pakolas tamén incluíu unha homenaxe ao autor Antonio Peneira, co gallo do centenario do seu nacemento en Vilafranca, a presentación da páxina web ogalegonobierzo.org e o anuncio da convocatoria da IV edición dos Premios Morales. Respecto da dita páxina en liña, trátase dun sitio posto en marcha a través dunha colaboración entre Política Lingüística e Edicións Positivas no que se debulla de xeito pormenorizado a presenza da nosa lingua na chamada quinta provincia, achegando aos lectores á biografía de Antonio Fernández y Morales e aos recursos dos que poden botar, tradicionais e dixitais, para afondar no seu coñecemento do galego.
Xa pola tarde, a celebración trasladouse de novo ao salón de actos do Marca, onde tivo lugar unha mesa de debate, baixo o epígrafe As arelas de Sarmiento, na que participaron docentes e membros das administracións educativas e de diferentes entidades culturais para realizar un seguimento das actividades levadas a cabo e concretar novos compromisos coa lingua galega no Bierzo.
Programa de Promoción de da Lingua Galega no Bierzo e Sanabria
A celebración do Día do galego no Bierzo está dirixida sobre todo á comunidade educativa dos 19 centros (18 en León e 1 en Zamora) adscritos ao Programa de Promoción da Lingua Galega neste territorio galegofalante do exterior, xurdido da colaboración entre a Xunta e a Junta de Castilla y León, iniciada no ano 2001. Deles, 14 son colexios e catro son institutos, ademais da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada.
Grazas a isto, o alumnado ten a oportunidade de afianzar os seus estudos do galego alén das aulas con actividades complementarias que inclúen visitas de estudos a Galicia apoiadas pola Consellería de Cultura e Educación, como a xa programada para este curso, que posibilitará que máis de 150 estudantes coñezan moitos dos enclaves de interese patrimonial e lingüístico galegos.