Pont-Up Store 2019 enxalzará a afouteza das nosas emprendedoras e emprendores
mércores, 11 de setembro do 2019
Os
días 19, 20 e 21 deste mes de setembro temos en Pontevedra unha cita
imprescincíbel co espírito innovador e a nosa arela común por
atopar novos xeitos (tecnolóxicos e creativos case todos eles) de
construír empresas e facelas medrar. Estamos a falar da nova edición
(a sexta) do encontro Pont-Up
Store, destinado a situar Pontevedra no epicentro galego e
estatal das enerxías aplicadas á innovación. O lema deste ano é
plenamente significativo da intención das entidades organizadoras: O
impulso da xente valente.
Entre
as novidades principais da nova convocatoria figuran as seguintes:
unha romaría creativa, un recanto adicado ao emprendemento senior,
un laboratorio rural de creación de proxectos e, segundo fixo saber
a organización no verán, “unha manchea de iniciativas arredor da
industria dos videoxogos”.
O
epicentro das actividades será novamente a praza de España, aínda
que o programa terá ramificacións noutros emprazamentos, como de
costume.
Na
web do evento xa podemos ver a listaxe de iniciativas seleccionadas
para participar na feira, que terá unhas 35 casetas e acubillará
unhas 15 actividades demostrativas, ás que se se suman unha decena
de accións de presentación ao abeiro de Puntazo Exprés, a palestra
de visualización de proxectos innovadores locais (nesta sección, as
firmas participantes terán que explicar en 5 minutos o seu
emprendemento a representantes de importantes empresas e entidades
galegas).
Polo
que respecta á campaña deste ano (O impulso da xente valente),
quere poñer en valor “o risco que asumen as persoas que deciden
emprender para agradecerlles a valentía de apostar por unha idea,
entregando o seu tempo e o seu esforzo para facer realidade proxectos
que tantas veces contribúen a mellorar a vida da nosa sociedade”.
A imaxe da campaña é obra da ilustradora galega Iria Prol.
Como
dixemos, a nova edición do evento vai poñer o foco no eido dos
videoxogos, amplificando algunha das actividades xa iniciadas en
edicións previas. Haberá, con respecto ao ano pasado, máis espazos
de exposición onde os visitantes poderán conversar con profesionais
do sector, meirande número de obradoiros de formación e charlas, e
competicións de eSports nas plataformas máis concorridas.
Todo isto formará parte desta edición do Espazo Gaming Pont-Up
Store 2019. Asemade, presentarase o evento Pont-Up Hobbypont 2019 by
Hobbycon, unha actividade rebordante de videoxogos, animación,
cómics e xogos de mesa, entre outras vertentes do lecer.
Organización
O encontro Pont-Up Store está liderado polo Campus Crea de Pontevedra (Universidade de Vigo) co apoio do Concello local como patrocinador principal, e é froito da cooperación de case 40 entidades públicas e privadas que durante seis anos foron sumándose como patrocinadores ou colaboradores, co obxectivo común de converter Pontevedra “na capital galega das mellores iniciativas empresariais”. Este ano, súmanse a este equipo FINSA, Gadis, AEMPE e a Secretaría Xeral de Igualdade.
Galician Rural Lab
- Presentación da sexta edición do evento emprendedor e innovador pontevedrés
No
marco da nova edición da feira, a emprendedora Alba Sotelo vai
presentar unha experiencia de desenvolvemento rural orientada á
formación audiovisual na que se inclúe a gravación dun programa de
radio en directo durante o evento e un proxecto de podcast
arredor de iniciativas de emprendemento. Ademais, no Espazo Fab Lab
desenvolveranse obradoiros de stop motion para nenas e nenos
de 1 a 12 anos; e unha charla educativa para pais, nais, titores e
titoras, sobre o uso das tecnoloxías nas xeracións nativas
dixitais.
Amais,
no Espazo de Economía Social e Creativa vaise organizar unha cata de
ideas arredor do proxecto Interrreg Va-Laces; un mural de co-creación
baseado nunha economía con valores sociais e responsábeis; e unha
xuntanza de empresas culturais e creativas que traballan desde
fórmulas de emprendemento social. Tamén se convocarán, como cada
ano, os encontros anuais de distintas entidades do ecosistema
emprendedor como Espazocoop, A Redeira, AJE Galicia, Wordpress ou
Mulleres Atlánticas.
Os desafíos do emprendemento e a dixitalización
As
entidades pontevedresas AEMPE, AJE Pontevedra e Cámara de Comercio
van organizar tamén, no marco da feira Pont-Up Store, un almorzo de
traballo sobre novos xeitos de crear unha empresa e, tamén, sobre as
ferramentas tecnolóxicas que teremos que dominar para garantir o
éxito da nosa iniciativa. O
almorzo Os
novos camiños do emprendemento celebrarase
o
sábado 21 de
setembro.
Ao
seu abeiro, os asistentes poderán coñecer os novos desafíos
do mercado a través dunha serie de pílulas informativas achegadas
por Marcelo Toural (O marketing móbil que vén para quedarse)
e Diana Fernández (A internacionalización das PEMES e
micro-pemes como panca de crecemento).
Marcelo
Toural (Krack Zapaterías) é o director executivo de Krack Co, un
grupo galego que xestiona preto de 50 tendas de calzado das insignias
Krack, Bross, Geox, Clarks e Pikolinos, e a tenda en liña
krackonline.com. Así
mesmo, é socio fundador da firma de consultoría G3M Operational
Consulting, especializada na mellora e optimización de operacións e
vendas en empresas , e de tupsicologateescucha.es,
unha web de atención psicolóxica domiciliaria.
Marcelo
Toural, que ao longo da súa traxectoria profesional traballou en
compañías multinacionais como Atos Consulting, Accenture e Roberto
Verino, é enxeñeiro industrial pola Universidade de Vigo e
executive-MBA polo Instituto de Empresa, Posgrao en Loxística
pola Universidade de Vigo e o Centro Español de Loxística.
Pola
súa banda, Diana Fernandez Soutullo, é experta en
internacionalización de empresas e especialista en dereito das TIC
(Tecnoloxías da Información e Comunicación), protección de datos
e propiedade intelectual e industrial. Apaixonada pola
internacionalización con éxito das empresas, nos últimos cinco
anos implantou sociedades en máis de 30 países (Kenia, Kazahstan,
Portugal, Dubai, Australia…). Amais, traballou para o sector
público en materia de sanidade e para o sector privado no sector do
turismo de saúde e do mundo dixital internacional.
O
evento realizarase na praza de España (espazo central) e terá una
duración aproximada de hora e media.