Ponteareas migra a software libre os equipos informáticos de todas as instalacións municipais

venres, 30 de xuño do 2017 Fernando Sarasketa

O concelleiro de Ponteareas, Benito Márquez

O Concello de Ponteareas vén de ampliar a súa firme estratexia TIC (marcada este ano pola posta en marcha integral da plataforma de Administración Electrónica) cunha aposta decidida pola tecnoloxía sen cancelas (tecnoloxía con licenzas libres para ampliar marxe de manobra e garantir meirande liberdade e menores custes para as arcas locais a medio e longo prazo). Así nolo deu a coñecer hoxe o Concellería de Novas Tecnoloxías que dirixe Benito Márquez, quen tomou a decisión de implantar software libre nos equipos informáticos de todas as instalacións municipais. Segundo apuntou Márquez, os programas a integrar son ceibes e de balde, “a diferenza do software privativo de Microsoft, cuxos prezos, dependendo das versións, oscilan entre os 200 e os 400 euros”.
Tamén fixo saber que o proceso atinxiu xa a máis do 85 % do parque de computadores da Administración local. Ademais, nas vindeiras semanas levarase a cabo o cambio de software no Centro de Desenvolvemento Local, na Biblioteca Municipal e na Escola Infantil.
Benito Márquez sinalou que “con esta decisión estase a ofrecer o mesmo servizo ca antes pero sen ter que pagar a Microsoft polas licencias, supondo un aforro considerable ao ano para o Concello”. De feito, o Concello empregaba ata o de agora programas da dita multinacional polos que era preciso o desembolso, para o pago de licenzas, de arredor de 36.000 euros nun período de 3 a 4 anos. Segundo apuntou o concelleiro, os cartos aforrados adicaranse agora á mellora dos equipos informáticos, “que están bastante obsoletos”.
O Concello de Ponteareas utilizaba na actualidade software de Microsoft polo que había que pagar pola súa utilización, un gasto que rondaba os 36000 euros en 3-4 anos. Este proceso de migración foi levado a cabo polo Departamento de Informática, individualmente en cada computador.
Benito Márquez agradeceu a tódolos traballadores a “súa boa disposición ao novo software”, salientando “que a maioría foi quen de adaptarse bastante ben ao cambio”. Sinalou tamén que, de ser preciso, faranse cursos formativos sobre o uso deste novo software para aqueles traballadores que o necesiten e así o soliciten.