Premiada a plataforma para a xestión da auga do ITG

venres, 23 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

O sistema SANePLAN do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), unha innovadora plataforma de xestión integrada de saneamento e planificación urbana, vén de obter un relevante recoñecemento. Máis en detalle, foi distinguida pola Asociación Profesional de Empresas Mediambientais de Galicia no marco da cuarta edición dos Premios Medio Ambiente. Carlos Calvo, director xeral de ITG e Juan Sobreira, director da área de Desenvolvemento de Negocio e responsable de SANePLAN, foron os encargados de recoller o premio na gala que tivo lugar onte á noite na sede do Círculo de Empresarios de Galicia, en Vigo.
Ao dito recoñecemento súmase o recibido pola ferramenta galega de mans da OCDE (Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos), sendo enxalzada como exemplo de boas prácticas na categoría que fomenta a coherencia das políticas de auga e medio ambiente, saúde, enerxía, agricultura, industria, plan e ordenación do territorio a través dunha coordinación transversal eficaz.
Dirixida a concellos e entidades con responsabilidades en saneamento e planificación urbana, SANePLAN pon en xogo novidades moi relevantes, como a posibilidade de faceren concellos e entidades unha xestión integrada do saneamento e a planificación urbana, reunindo a información das redes de auga e da EDAR (estación depuradora de augas residuais) nun único punto, conseguindo desta maneira, en palabras do ITG, “unha visión da xestión do saneamento complementaria coa urbanística”.
A solución, desenvolvida na Coruña, está implantada desde novembro de 2014 na Mancomunidade do Salnés, en Baiona, en Cambados, en Ribadumia e máis en Vilanova de Arousa. Ademais, atópase operativa na localidade italiana de Chiesina Uzzanese.
Con SANePLAN, a través deste cinco escenarios, analizáronse máis de 100.000 pozos e máis de 425 quilómetros de rede. Ademais, o ITG dispón do esquema de 7 estacións depuradoras de augas residuais.
No desenvolvemento do sistema interviñeron 230 expertos de España e Italia, formáronse unha ducia de grupos de traballo e colaboraron 50 institucións públicas e privadas.
A devandita solución é froito de experiencias previas de éxito do centro tecnolóxico ITG relacionadas coa auga potable nas cidades. É o caso de ASAP (2006-2009), un optimizador de redes de auga potable; e de WIZ (2010-2013), un sistema de planificación urbana recoñecido como Best of the Best Project polo programa Life da Comisión Europea no ano 2015.