Presentado en Santiago un catálogo de recursos matemático-informáticos para mellorar o día a día das empresas

luns, 16 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

A Rede Española Matemática-Industria (math-in) que preside a profesora da Universidade de Santiago Peregrina Quintela presentou a semana pasada en Compostela unha recurso de gran utilidade para as empresas. Trátase dun catálogo que compendia os servizos que os grupos de investigación matemática e computacional españois poñen hoxe en día a disposición do noso tecido produtivo, para este caso concreto da devandita Rede un grupo integrado por máis de 400 clientes dos sectores máis variados. A Rede Matemática-Industria, pola súa parte, está formada por 29 grupos de investigación de 18 universidades estatais, 5 deles da Universidade de Santiago, dous da da Coruña e tres da de Vigo. O seu cometido é favorecer a transferencia tecnolóxica, neste caso de base matemática e computacional, dende os campus cara ao día da día das iniciativas de mercado.
Os datos foron presentados por Peregrina Quintela, polo director xeral de I+D, Ricardo Capilla, e por un nutrido grupo de representantes das nosas tres institucións educativas superiores.
O recurso achegado fíxose público baixo o seguinte título: Solucións matemáticas para empresas innovadoras. Catálogo de servizos ofertados. A publicación, informaron os responsábeis da mesma, “identifica a oferta investigadora por sector, dá a coñecer a demanda empresarial de técnicas matemáticas e dispón dunha guía de axuda sobre a capacidade destas tecnoloxías para resolver problemas innovadores na industria”.
Acompañando a presentación do catálogo, déronse a coñecer diversos casos de éxito de aplicación de metodoloxías e técnicas matemáticas e computacionais no seo dunha empresa. Por exemplo, as experiencias de Ferroatlántica I+D (que se beneficiou do traballo do grupo de investigación en Enxeñaría Matemática da USC, que puxo en marcha unha ferramenta informática que permite mellorar o deseño e funcionamento dos fornos de indución), Inditex (que contactou co grupo Modes da UDC para solicitar un método de predición de sinistros que fixese máis doada a xestión no eido da política aseguradora da compañía galega), ou o SERGAS (que a través da unidade de bioestatísica grupo Modestya da USC puido tirar partido do software libre EPIDAT, de gran potencial para a análise e tratamento de grandes cantidades de información para predicir e controlar factores de saúde diversos e incidencia de determinadas doenzas).

PUBLICIDADE