Preto de 700 persoas xuntáronse no Gaiás para celebrar o I Encontro 21 Días co Galego e+
martes, 28 de febreiro do 2023
Este
último día de febreiro celebrouse o I Encontro 21 Días co
Galego e+, a primeira edición dunha multitudinaria xuntanza
de escolares e docentes arredor do desafío lingüístico lanzado
pola Xunta e que consiste nun convite (online e offline)
aos alumnos para mergullárense no uso do galego durante tres semanas
(o programa 21 días co galego e+, que ten a súa orixe nas
experiencias de inmersión lingüística impulsadas pola profesora
Pilar Ponte no IES da Pobra do Caramiñal).
Na
cita participou o secretario xeral de Política Lingüística,
Valentín García, xunto cunha ampla representación do alumnado e do
profesorado participante na quinta edición do dito programa,
promovido pola Secretaría Xeral co “obxectivo de estimular o uso
oral da lingua galega entre a xente nova tanto dentro como fóra dos
centros de ensino”.
O
representante da Xunta, que estivo acompañado da profesora Pilar
Ponte, coordinadora xeral do programa, agradeceulles aos estudantes e
docentes presentes que axudasen “a facer medrar esta iniciativa que
nos mostra que podemos usar o galego todos os días e para calquera
cousa que fagamos” e expresou o seu desexo de que “a experiencia
fose positiva” e o uso da lingua propia de Galicia medre.
En
total, preto de 700 persoas entre alumnado, profesorado e
coordinadoras e coordinadores dos Equipos de Dinamización da Lingua
Galega déronse cita no Edificio Fontán do Gaiás para intercambiar
experiencias e compartir unha tarde chea de actividades como teatro,
baile, rap, desfile de moda, xogos etc.
Animados
polos xonalistas Carlos Amado e Esther Estévez, os representantes
dos 12 centros participantes subiron por quendas ao escenario para
interpretar ante os demais os seus respectivos espectáculos, que se
intercalaron coa actuación da Asociación Cultural e Deportiva Vella
Escola, de Noia, que realizou tres espectáculos ao longo da tarde:
de freestyle football, de beatbox e de breaking.
Este
encontro enmárcase como dixemos na celebración da V edición do
programa de dinamización lingüística 21 días co galego e +,
que se desenvolveu entre o 24 de xaneiro e o 13 de febreiro en 12
centros de ensino das catro provincias galegas e acadou a cifra máis
alta de participantes ata o momento, con máis de 4.500 persoas
involucradas.
Neste
curso 2022/23 o programa desenvolveuse no IES Plurilingüe Rafael
Dieste (A Coruña), IES de Melide (Melide), CPI Plurilingüe Virxe da
Cela (Monfero) e CPR Divino Maestro (Santiago), todos eles na
provincia da Coruña; no CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Xesús
(Ribadeo) e IES María Sarmiento (Viveiro), na provincia de Lugo; no
IES Nº1 do Carballiño (O Carballiño) e CPI Virxe dos Remedios
(Castro Caldelas), en Ourense; e no CPI Plurilingüe Alfonso VII
(Caldas de Reis), CPI Plurilingüe Arquitecto Palacios (Nigrán), IES
Aquis Celenis (Caldas de Reis) e IES A Basella (Vilanova de Arousa),
na provincia de Pontevedra.
