Principia posibilitará a contratación de 110 novos investigadores e tecnólogos

luns, 27 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

A terceira convocatoria do programa Principia, unha iniciativa para afianzar na nosa terra o talento da mocidade, permitirá a contratación de 110 mozas e mozos titulados en 59 entidades galegas. Estes contratos, segundo informou a Consellería de Economía, terán unha duración mínima dun ano. O programa pon o foco en xente nova universitaria ou titulada de FPII con pouca experiencia, tecnólogos e investigadores menores de 35 anos e con menos de 36 meses empregados na súa categoría profesional. Esta terceira convocatoria vén cun investimento público de 1,1 millóns de euros, mobilizando 3,4. Un dos grandes obxectivos do programa é seguir avanzando en Industria 4.0.
Ademais, a Consellería fai saber que o 93% das entidades beneficiarias son empresas e o 90% dos contratos concedidos son indefinidos. A Coruña é a provincia onde se realizarán mais contratos, cun total de 50, seguida de Pontevedra, con 40, e Lugo e Ourense con 10 cada unha.
E cal é o obxectivo exacto da iniciativa? Pois basicamente achegar á nosa xente nova un recurso de ancoraxe no mercado laboral, de maneira que as mozas e mozos sexan contratados polas empresas despois do remate do programa, “reforzando así a competitividade en materia de investigación do tecido empresarial galego”. Ademais, a iniciativa busca incentivar a contratación feminina e fomentar as vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas, polas súas siglas en inglés) entre as mulleres, cousa que se reflicte no feito de ter acadado que o 42% dos contratos foran femininos nas dúas primeiras edicións, alcanzando nesta última a práctica paridade laboral.