Prolifera a desinformación e a propaganda en X/Twitter

mércores, 27 de setembro do 2023 Marcus Fernández

No mes de maio Twitter sorprendeu abandonando o Código de boas prácticas en materia de desinformación da Unión Europea, levando a que o comisario europeo Thierry Breton tivese que lembrar á compañía que este código é voluntario, pero que non adherirse ao mesmo non impide que a compañía teña que cumprir coa Lei de Servizos Dixitais, o que volven lembrar dende a Comisión Europea agora que un estudo destaque o crecemento da desinformación en X/Twitter dende que a compañía é propiedade de Elon Musk.
TrustLab publicou estes días un estudo para facer balance do Código de boas prácticas en materia de desinformación, analizando o que acontece ao amparo de Google, Meta, Microsoft e TikTok, e contando tamén con algúns datos de Twitter, xa que no momento de iniciar o estudo a compañía de Musk aínda non abandonara o Código, deixando claro que esta plataforma é con moita diferenza a que máis desinformación difunde, e na que o contido pernicioso consegue chegar a máis xente. En contraste, a plataforma na que a desinformación tería un menor alcance sería YouTube.
Un detalle que resulta moi rechamante no informe de TrustLab é que en X/Twitter o contido enganoso consegue maior interacción que o contido verídico, xusto ao contrario do que acontece en TikTok, o que deixa quedar en moi mal lugar á plataforma social de Elon Musk.

NewsGuard destaca como o impacto de medios como Russia Today (pese a estar bloqueado en Europa) medrou dende que X/Twitter non os etiqueta como propaganda

Tamén vén de publicarse un informe sobre a desinformación elaborado por NewsGuard no que deixan en moi mal lugar a X/Twitter, no que aseguran que os cambios aplicados por Elon Musk provocaron que a desinformación promovida por Rusia, China e Irán publicada en inglés medrou o seu impacto nun 70% nos 90 días posteriores a que a plataforma deixase de etiquetalos como propaganda.
Dende NewsGuard tentaron contactar con X/Twitter sobre o asunto, e non conseguiron resposta, e argumentan que o propio Elon Musk ten intereses económicos en China que poden levarlle a exercer este tipo de actitude (camuflando as súas intencións con declaracións nas que acusa a todos os medios de comunicación de desinformar dalgún xeito).
Pero X non só deixou de etiquetar a propaganda, senón que segundo NewsGuard tamén estaría a promover ese tipo de contidos, cando anteriormente tiña medidas para evitar que a propaganda gañase visibilidade na plataforma.
Esta situación estaría actualmente baixo a lupa dos reguladores europeos, que aseguran estar en contacto con X/Twitter, polo que é de esperar que nalgún momento teñan que exercer medidas punitivas para que X/Twitter cumpra coa lexislación europea e cese na súa irresponsable política actual.

PUBLICIDADE