Q12 Trivia quere trasladar ao mercado hispanofalante o éxito de HQ Trivia

xoves, 28 de xuño do 2018 Marcus Fernández

A aplicación HQ Trivia converteuse en todo un fenómeno de masas nos EE.UU. a finais do ano pasado, polo que só era cuestión de tempo que chegase a súa contrapartida española, Q12 Trivia, que probablemente teñan como principal atranco o chegar no peor momento posible, xa que Facebook anunciou a semana pasada que facilitará que poidan organizarse xogos semellantes a través dos seus directos, polo que terán que enfrontarse a un competidor demasiado potente.
Q12 Trivia pode instalarse en iOS ou Android, e tras identificar ao usuario polo seu número de teléfono permítelle participar en xogos de preguntas con 3 respostas posibles, de xeito que tras atinar correctamente 12 preguntas consecutivas (en menos de 10 segundos cada unha) recibirase un premio económico que repartirase ante os gañadores, que poderán ingresar os cartos na súa conta de PayPal pese a que o xogo é totalmente de balde.

Juanjo de la Iglesia e Toni Cano son os presentadores do concurso móbil Q12 Trivia

As partidas de Q12 Trivia teñen lugar 2 veces ao día (ás catro da tarde e ás dez da noite), aínda que será posible a celebración de competicións sorpresa, como tamén acontece con HQ Trivia. Os premios de cada partida repártese entre os xogadores que atinaran todas as respostas e, no caso de non haber ningún, acumularase como bote para o día seguinte.
Este proxecto está dirixido ao mercado hispanofalante, ou sexa, que aínda que se lanza dende España, ten a vista tamén posta en América Latina.
Como curiosidade, os presentadores deste concurso móbil con vídeo en directo non serán completos descoñecidos, senón que temos a caras coñecidas como o monologuista Toni Cano e o xornalista e presentador de televisión Juanjo de la Iglesia.

PUBLICIDADE