Qubiotech implanta o seu software de IA nos centros de radiodiagnóstico da Comunidad de Madrid

xoves, 16 de novembro do 2023 S. P.

A firma biotecnolóxica galega Qubiotech Health Intelligence, con sede na Coruña e dedicada ao desenvolvemento e comercialización de software para mellorar o diagnóstico de doenzas neurodexenerativas a través do procesamento avanzado de imaxes, implantará a súa plataforma Neurocloud nos centros da Unidade Central de Radiodiagnóstico (UCR), compañía pública dependente da Consellería de Sanidade da Comunidad de Madrid que agrupa seis grandes infraestruturas en diferentes localidades.
A UCR xa puxo en marcha unha proba piloto para a implantación de software asistido por Intelixencia Artificial (IA) de análise de imaxes de cerebro con Qubiotech, socia da Agrupación industrial Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) e creada no Grupo de Imaxe Molecular da Universidade de Santiago de Compostela.
A proba piloto poñerá en marcha e valorará a plataforma de servizos dixitais Neurocloud, ferramenta que, segundo informan dende Qubiotech, “permitirá mellorar o diagnóstico precoz e o seguimento preciso de pacientes con enfermidades neuroxenerativas como a esclerose múltiple ou
demencias, entre outras, mediante a cuantificación de biomarcadores de imaxe que homoxeneizarán e axudarán a estandarizar a información obtida a través destas probas”.
Dende a spin-off galega engaden que “por vez primeira un anel radiolóxico, integrado neste caso por seis centros hospitalarios interconectados, compartirá os datos obtidos a través de Neurocloud”.
Os responsábeis de neurorradioloxía, xestores dos hospitais e o equipo de Qubiotech mantiveron encontros para a posta en marcha do proxecto. Os directivos da compañía explicaron como se integra Neurocloud no traballo diario do persoal sanitario e como mellorará a eficiencia operativa. A ferramenta facilita a obtención de datos obxectivos e axiliza o fluxo de traballo na análise desta información.
O director técnico da UCR, Álvaro Paniagua, explica que “o acordo con Qubiotech supón un avance máis na integración de ferramentas de IA no diagnóstico”. Na súa opinión, “permitirá unha valoración máis obxectiva e precisas dos pacientes e mellorar a avaliación inicial e o seguimento da esclerose múltiple, axudando ao radiólogo na detección e seguimento de lesións”.
Pola súa banda, Manuel Muñoz, director de Márketing de Qubiotech, destaca que “a integración da plataforma Neurocloud no UCR supón unha experiencia que achega información valiosa nunha contorna interconectada co obxectivo de mellorar e facilitar non só a análise de probas de imaxe, se non a posibilidade de compartir información entre os equipos multidisciplinares de persoal sanitario”.
Outro dos obxectivos deste proxecto é “facer realidade nos centros da Comunidade de Madrid a implantación de ferramentas de IA que permiten normalizar e optimizar tanto resultados como fluxo de traballo, a que vez que se adaptan a necesidades específicas do sistema de saúde e de organización nunha contorna multicentro”.