R achegará a súa visión sobre a transformación das empresas en GaliciaTIC

mércores, 14 de outubro do 2020 S. P.

A operadora galega R, unha das patrocinadoras do evento GaliciaTIC, participa este xoves no histórico foro galego de novas tecnoloxías que comeza este mércores 14 de outubro, segundo lembra a compañía de telecomunicacións “unha cita obrigada para as empresas tecnolóxicas” e na que, máis ca nunca, poderemos coñecer recursos e ideas para “remontar a crise sanitaria” e “revalidar a idea da necesidade incuestionábel de transformar dixitalmente as nosas empresas”. Concretamente, R participará mañá na mesa temática virtual Empresa conectada: do produto ao servizo dixital. Alberto Díaz, por parte da operadora, conversará na mesa con Bernardo Riveira, de Cinfo e con Óscar Fafián, de Cruz Vermella.
Neste contexto, Alberto Díaz Freire, responsábel de Alianzas, IoT e Transformación Dixital de R, ofrecerá a súa visión sobre o proceso de transformación dixital das empresas, unha realidade que se acelerou coa chegada da pandemia e que obriga aos negocios a traballar para sacar o máximo partido destas evolucións: “Estamos ante unha nova realidade na que produtos e servizos van ser cada vez e necesariamente máis dixitais e intelixentes”, avanza Alberto Díaz, engadindo que no estado de cousas que nos vai tocar vivir “todo está e todo estará conectado”.

PUBLICIDADE