R suma tres polígonos de Ourense e un de Lugo á súa listaxe de complexos industriais con accesos ultrarrápidos

venres, 17 de febreiro do 2017 Fernando Sarasketa

O operador de raizame galega R segue adiante dotando os complexos industriais da nosa terra con redes de última xeración que achegan entre outras cousas, velocidades de até 350 Mbps de baixada, 35 de suba e unha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas. Se hai uns días falabamos da adhesión á listaxe de polígonos dixitalmente avanzados dos complexos de O Campiño (Pontevedra), O Pousadoiro (Vilagarcía de Arousa) e A Reigosa (Pontecaldelas), agora a compañía de cable anuncia a incorporación dos polígonos de Pazos (Verín), O Barco de Valdeorras e A Medua (Carballeda de Valdeorras), aos que tamén se suma o de Pousada-Lourenzá, na provincia de Lugo.
Segundo informa R, as dotacións fornecidas nestes complexos das provincias de Ourense e Lugo, achegadas a través do Plan de Banda Larga 2020 da axencia AMTEGA (Xunta de Galicia), permitiralles ás empresas emprazadas neles “acadar megavelocidades de acceso á Rede” e “tirar o máximo proveito dos servizos tecnolóxicos de valor engadido”.
Segundo engade a operadora galega a respecto destes traballos (dos que é adxudicataria, inseríndose no marco da primeira actuación do devandito Plan da Xunta para fornecer acceso a Internet ultrarrápido a 81 polígonos da Comunidade que a día de hoxe non dispoñen destes servizos), estes equipamentos son a día de hoxe necesarios para, entre outras cousas, incrementar a competitividade das nosas empresas.
Nun plano máis concreto, os accesos ultrarrápidos poñen ao alcance das nosas industrias servizos e solucións na nube como por exemplo a videoconferencia, o acceso á Internet das Cousas (IoT) ou os procedementos do que se coñece como Industria 4.0, vencellados a cousas como a eficiencia enerxética, o control de intrusións nas edificacións, os servidores virtuais e a analítica de datos (Big Data), entre outros eidos. “Todas estas cousas e outras moitas máis”, explica a compañía de raizame galega, “son posíbeis grazas ás vantaxes das redes FTTH (Fiber To The Home) que levan a fibra óptica ata a propia empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R”.
A peche de 2016, dezasete dos 81 recintos empresariais galegos incluídos no Plan ficaron conectados á rede de R. En 2017 sumaranse 34 á listaxe.

PUBLICIDADE