Red.es certifica importantes melloras de servizo nos nosos talleres grazas ás TIC

mércores, 16 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

Red.es está estes días promovendo as novas tecnoloxías en máis de 30 cidades españolas, na imaxe a cita de Sevilla

Contribuír a que as novas tecnoloxías, dentro dunha empresa pequena ou mediana, se vexan coma un investimento e non coma un gasto. Este é un dos grandes obxectivos do programa Empresas en Rede do Ministerio de Industria (Plan Avanza), do que se presentaron este mércores os principais logros acadados na nosa terra, amais dos froitos que están por vir. O acto, celebrado no CNTG (Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia), veu da man da entidade pública Red.es, ligada ao dito Ministerio, e partiu do máis específico (datos do programa piloto de Empresas en Rede para levar as TIC aos nosos talleres de reparación de automóbiles) ao máis xenérico (o número estimado de internautas que hai na actualidade en España e que se dará a coñecer en breve de xeito oficial: 26,9 millóns). Entre outras cousas, puidemos saber que o 91% dos clientes dos talleres galegos onde se aplican as TIC de xeito eficaz asegura que mellorou a calidade do servizo.
Código Cero estivo na celebración desta Xornadas Empresas en Rede, que recalou en Santiago de Compostela en plena chegada do ciclón Quirín e que abrangue paradas en máis de 30 cidades do territorio estatal. O programa presentado é parte das actuacións do Plan Avanza2 en materia de empresas e autónomos, e conta cun orzamento total de 178 millóns de euros ata 2013, dos que 11,9 millóns (achegados polo Ministerio, a Xunta e o fondo FEDER da UE) están a ser destinados a territorio galego. O obxectivo: acadar a integración das novas tecnoloxías nas pemes e micropemes, facendo especial fincapé no ámbito dos talleres de reparación de automóbiles. A razón? Pois unha das principais é que se trata dun sector no se logra unha especial visibilidade das aplicacións prácticas das TIC, amais de que polo seu carácter moi local, precisa de impulsos e axudas específicas para o seu desenvolvemento tecnolóxico.

Relatores da xornada celebrada no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia

Deste xeito, o programa Empresas en Rede desenvolveu, previamente á presentación deste mércores 16, unha iniciativa piloto na nosa terra para albiscar as necesidades concretas deste sector. “Un dos grandes achados”, comentounos Rafael Chávarri, voceiro da entidade Red.es, “é o potencial do Centro de Diagnose Multimarca, que trala súa integración incrementa nun 15% a clientela dos talleres, cousa que vén dada polas melloras importantes que pon en xogo na eficacia do traballo”. É dicir, grazas a esta ferramenta, os operarios saben decontado que fallo ten o vehículo, amais de outras informacións salientables para o seu traballo.
Amais desta novidade, o programa achega datos sobre as vantaxes doutra tecnoloxía concreta: os Terminais de Punto de Venda (TPV). “A implantación nos talleres destes dispositivos”, engadiu ao respecto Chávarri, “supón un medre de arredor do 17% no fornecemento de clientela, sobre todo grazas ás melloras que pon en xogo na xestión do negocio, incluída a achega de facturas e a resolución dos impostos”. Unha das grandes consecuencias de todo isto é que as reclamacións diminúen ata nun 21%.
Polo que respecta ao nivel de participación das firmas neste sector, abranguendo ás da nosa terra, dicir que se acadou unha taxa do 80%. As firmas incluídas nesta porcentaxe foron quen de ver, en maior ou menor medida, as vantaxes do afianzamento das TIC no seu día a día, e unha boa parte delas, sinala Red.es, amosaron xa o seu interese por dar continuidade aos logros e afondar neles.
O programa Empresas en Rede, como dixemos, conta coa colaboración da Xunta de Galicia. A xuízo de Chávarri, precisábase da súa concorrencia por ter un coñecemento especial do territorio no que se proxectaba traballar.
Polo que respecta a actuacións futuras de Red.es e do Plan Avanza2 na nosa terra, dicir que Chávarri aproveitou a oportunidade para emprazarnos en breve para o mesmo lugar (CNTG) en datas vindeiras, aínda por confirmar, e con motivo da posta en marcha (man a man coa Xunta) dos centros demostradores das vantaxes das TIC entre as empresas e a cidadanía en xeral, espazos aos que dará acubillo o CNTG e que teñen como finalidade principal a de facer visible o que en ocasión fica oculto: os moitos beneficios que pode achegar o feito de estarmos na Rede. En definitiva, os centros terán o mesmo alicerce cá xornada deste mércores, pero dándolle continuidade no tempo e un espazo fixo.