Redegal, finalista nos premios eAwards México 2016

xoves, 14 de abril do 2016 Redacción

A axencia galega Redegal, centrada no desenvolvemento de servizos de comercio electrónico e mercadotecnia, está de celebración. De feito, vén de ser nomeada finalista nos galardóns eAwards México 2016, dentro da categoría Mellor Axencia Dixital de Captación de Tráfico. Segundo informa a empresa, ter resultado finalista do devandito certame é “xa de por si un importante recoñecemento”, e máis tendo en conta que Redegal chegou á recta final dos premios incluída nunha das categorías máis importantes e onde maior competencia se dá entre participantes. “Trátase”, sinalan, “dun recoñecemento ao traballo de todo o equipo”. Segundo engaden, o éxito foi posíbel grazas ao apoio e traballo do resto de departamentos que configuran Redegal, “non só en España, senón tamén no resto dos países nos que estamos presentes, México e Colombia”.
Seguindo co fío das actividades a desenvolver alén do Atlántico, sinalar que a compañía de raizame galega vai participar un ano máis nunha das feiras de ecommerce e mercadotecnia dixital máis importantes de España e Latinoamérica, de cara “a crear sinerxías entre empresas e países”. Falamos da Feira eShow, que desenvolve estes días 19 e 20 de abril a súa edición mexicana, na capital DF. Dende Redegal anuncian novidades para este evento, entre elas unha nova caseta que se poderá descubrir o día de apertura de portas do encontro, o 19 de abril. Alén disto, o CTO México da axencia galega, Jesús Rodríguez, realizará un dos relatorios programados para a tarde do 20 de abril.
Por último, dicir que dende Redegal fan un chamamento aos interesados en opinar quen merece levar o premio dos eAwards México 2016. Lembrar que a empresa galega estende o seu traballo dende España até México ou Colombia, onde tamén están presentes e fan posíbel que o deseño, planificación e execución de estratexias personalizadas de posicionamento en tempo real en Google se traduza en que os seus clientes superen os billóns de impresións mensuais e os millóns de clics diarios.

PUBLICIDADE