Representación galega no meirande encontro de comunidades de software libre de América Latina

martes, 20 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

Unha ollada á edición do ano pasado, achegada por Cristiano Sant´Ana

A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) vai compartir as súas experiencias pasadas e presentes coa vangarda internacional de ideólogos, usuarios e deseñadores de programación aberta e redes sostibles e xustas. Máis polo miúdo, participará no Forum Internacional de Software Libre (FILS11), con toda probabilidade o maior encontro de comunidades de código aberto de América Latina, un eido social e xeográfico que é arestora un modelo a seguir por outras comunidades do planeta, principalmente grazas á achega de Brasil e do seu apoio de anos ao software libre. En representación de AGASOL acude ao evento (que se celebra entre o 21 e o 24 de xullo) Roberto Brenlla, responsable de Tegnix, empresa integrante da entidade. Brenlla, que xa viaxou a Brasil para estreitar os contactos con representantes do sector deste país e de Arxentina, falará no FILS11 da experiencia galega da programación aberta, facendo especial fincapé na fronte común que se ten xerado ao seu abeiro e nas políticas e nas estratexias de negocio postas en marcha.
Segundo conta AGASOL, hai un claro interese dende América Latina por obter información do traballo xerado polo colectivo galego de usuarios e deseñadores de código aberto, especialmente sólido a nivel europeo malia o desmantelamento de plataformas públicas de unión como o centro Mancomún, iniciativa recoñecida en diversas ocasións polo seu valor de promoción das tecnoloxías libres e accesibles.
O FILS contará nesta undécima edición coa participación de empresarios, xerentes e administradores de empresas multinacionais, profesores, relatores, estudantes e profesionais das áreas pública a privada. Ademais da representación galega, informan fontes de AGASOL, está confirmada a presenza doutros dos principais expoñentes do sector a nivel mundial como o fundador de Linux Internacional, John Madogg, ou o administrador de sistemas para Google en Suíza, Michael Hanselmann.O FILS está considerado o maior encontro de comunidades de software libre de América Latina e un dos maiores do mundo. Este ano celebra a súa 11ª edición entre os días 21 e 24 de xullo en Porto Alegre (Brasil).
A Asociación Galega de Empresas de Software Libre é unha iniciativa que agrupa a máis de trinta empresas galegas do sector para intentar atopar novas oportunidades de negocio, exercer como interlocutores dun sector en fase expansiva en Galicia e, ao tempo, promover o software libre como ferramenta para desenvolver unha sociedade da información na que resulta clave a liberdade para mellorar os programas informáticos e facer públicos e accesibles eses progresos.