Resident Evil Requiem recibe un minixogo de balde

venres, 8 de maio do 2026 Redacción

Resident Evil Requiem recibe hoxe un novo modo de xogo gratuíto baixo o título Leon must die forever, unha proposta centrada na acción frenética protagonizada por Leon S. Kennedy que xa está dispoñible en PlayStation 5, Nintendo Switch 2, Xbox Series X|S, Steam, Epic Games Store e GeForce NOW.
Capcom presenta este contido adicional como un minixogo desbloqueable tras completar a campaña principal de Resident Evil Requiem, permitindo revisitar distintas zonas xa coñecidas do título mentres os xogadores se enfrontan a versións máis poderosas dos inimigos e ao xefe final nunha carreira contrarreloxo. O modo inclúe cinco niveis de dificultade progresivos e un sistema de habilidades especiais para Leon que se activa enchendo unha barra de melloras mediante a derrota de inimigos.
Cada partida modifica tanto a orde das áreas como as habilidades dispoñibles, buscando aumentar a rexogabilidade desta modalidade adicional. O anuncio chega ademais acompañado dunha actualización con diversas correccións de erros en todas as plataformas e novas funcións na versión para PC, que agora incorpora compatibilidade coas características avanzadas do mando DualSense de Sony, incluíndo gatillos adaptativos, resposta háptica e sensores de movemento.
Capcom lembrou que o 30 de xullo chegarán as primeiras figuras amiibo baseadas na saga Resident Evil, centradas nos personaxes Grace Ashcroft e Leon S. Kennedy.

Tráiler de Leon must die forever