Retiran do mercado francés o iPhone 12 por superar os límites de radiación

mércores, 13 de setembro do 2023 Marcus Fernández

A Axencia Nacional de Frecuencias (ANFR) francesa vén de esixir a Apple a retirada do iPhone 12 do seu mercado tras detectar medicións da taxa de absorción específica (SAR) destes dispositivos superaban amplamente os límites legais establecidos, confiando en que poidan tomar medidas para corrixir a situación nun par de semanas, pois de non ser quen de solucionar o problema terían que retirar os móbiles incluso aos seus usuarios actuais, como medida de prevención.
O exceso de radiación do iPhone 12 detectouse mentres se realizaban probas en 141 móbiles dispoñibles no mercado francés. Concretamente detectouse un SAR de 5,74 W/kg en extremidades, cando o máximo permitido é de 4 W/kg, mentres que o SAR con respecto ao corpo si quedaba dentro dos límites establecidos.
Parece bastante probable que fose un erro o que provocou este exceso de radiación, e que unha simple actualización de software poida corrixilo, pois non podemos esquecer que falamos dun smartphone que xa ten varios anos e superou as probas en numerosas ocasións en practicamente todo o mundo, aínda que probablemente a Apple non lle resulte moi beneficioso que se provoque esta alerta de seguridade cando acaba de presentar os novos iPhone 15 que chegarán ao mercado en pouco máis dunha semana.

PUBLICIDADE