Rexorde a web Historiadoceltadevigo.net

martes, 15 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

Pode unha web sobre un equipo galego verse en perigo de peche por impulsar perante o mundo a identidade galega dese equipo? Pois si que pode, e se non que llelo digan aos responsables da páxina Historiadoceltadevigo.net, que segundo informamos xa hai un tempo nesta web viuse mergullada nun boicot por ter dado acubillo a unha campaña para promover a bandeira galega na camisola dos xogadores. Así nolo contaba daquela a CiberIrmandade, reflectindo a preocupación do principal promotor do sitio en liña, un espazo salientable polo volume de información que achega sobre a historia do club vigués e polo número de seareiros que o visitaron. Pois ben, segundo nos informa de novo a CiberIrmandade, a enleada semella que chegou a bo porto, así se desprende da reapertura da web celtista este luns 14 de marzo, logo dun parón de medio ano.
Por certo que a recuperación do sitio, segundo engaden, foi posible grazas ao esforzo e teimosía dos colaboradores da páxina, dos usuarios particulares e mesmo de empresas comprometidas co celtismo.
O traballo conxunto posibilitou entre outras cousas o remate da polémica e dos ataques ao portal (que ao parecer tiveron a súa orixe na defensa da españolidade do club por parte dun membro da directiva do Club), que rexorde agora con forzas renovas e cunha serie de contidos e apartados a ter en conta: Xogadores, Adestradores, Presidentes, Campionatos, Competicións, Biblioteca, Videoteca (en probas), Foro, Porra, a cidade de Vigo, a nosa terra Galiza, os Siareiros, as Peñas e a historia completa do R. C. Celta.

PUBLICIDADE