Rianxo somete a consulta cidadá as normas que rexerán a Administración Electrónica local
martes, 14 de marzo do 2023
O
Concello
de Rianxo achegou para ser sometida a consulta pública cidadá o
borrador do documento regulamentario que servirá de marco de
traballo e folla de ruta á transformación tecnolóxica dos servizos
públicos locais e súa interacción coa cidadanía. Estamos a
falar da Ordenanza
Reguladora da Administración Electrónica, cuxa versión preliminar
xa pode ser consultada en liña.
O
obxectivo da consulta pública é “mellorar a participación dos
cidadáns no procedemento de elaboración das normas, con carácter
previo á elaboración da ordenanza”, que se verá beneficiada coa
opinión das persoas e das organizacións locais máis
representativas potencialmente afectadas pola futura norma.
Porase
o foco nos seguintes puntos: os problemas que se pretenden solucionar
coa iniciativa, a necesidade e oportunidade da súa aprobación, os
obxectivos da norma e as posibles solucións alternativas
reguladoras e non reguladoras.
Os
cidadáns, organizacións e asociacións que así o consideren poden
facer chegar as súas opinións sobre os aspectos expostos na enquisa
habilitada durante o prazo de 20 días a contar desde o día seguinte
ao de publicación do anuncio da consulta no sitio web municipal
(este 13 de marzo), mediante a súa presentación en calquera dos
lugares indicados no artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do
Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
