Ribeira dá novos pasos no seu proxecto de Cidade Intelixente
luns, 13 de marzo do 2023
O
Concello de Ribeira, no marco das liñas de traballo da estratexia
EDUSI Máis Ribeira Atlántica, vén de ampliar a transformación
dixital municipal mediante varias iniciativas concretas do ámbito
Smart City. Iniciativas como por exemplo a renovación das
páxinas web e a súa infraestrutura de telecomunicacións, a
modernización da sede electrónica, a incorporación de sistemas de
gravación e de retransmisión de eventos e a procura de solucións
en materia de seguridade viaria e cartelería dixital.
“Esta
aposta polas novas tecnoloxías ten como obxectivo modernizar o día
a día da gobernanza municipal, tanto na xestión interna como de
cara ao cidadán, adecuando os servizos ás necesidades actuais e
habilitando trámites administrativos máis áxiles e eficientes”,
explicaron fontes do Concello, engadindo que “estes servizos
públicos renovados melloran a seguridade e o benestar dos veciños e
están aliñados cos parámetros de eficiencia e sustentabilidade,
amais de contribuír a reducir a fenda dixital existente entre o
mundo rural e o urbano e contribuír á dinamización social e
económica do municipio”.
Novas páxinas web do Concello de Ribeira
No
marco desta liña de actuacións, xa está en marcha un
novo portal municipal que dende o concello cualifican como “máis
dinámico, intuitivo, áxil, visualmente atractivo, accesible e
responsive, que se adapta a calquera dispositivo móbil”.
Foi realizado pola empresa ASAC Comunicaciones S.L., que resultou
adxudicataria do correspondente contrato municipal. Entre as súas
principais novidades están a incorporación de novas na páxina
principal cunha axenda de eventos e de actividades, a habilitación
de información do propio Concello cunha sección específica e o
Portal de Transparencia, cos que se cumpre a normativa aplicable en
materia de transparencia e acceso á información. Ademais,
permítese a tramitación de xestións a través da sede electrónica,
incorpórase unha caixa de correos para o rexistro de incidencias e
habilítanse un formulario de consulta e datos de contacto e os
accesos ao perfil do contratante e a páxinas web do Concello e de
terceiros.
Tamén
está xa operativa a nova aplicación móbil complementaria da páxina
web, que permitirá transmitir incidencias, recibir novas ou acceder
á plataforma comercial Ribeira Store, impulsada polo
Concello, que se pode descargar gratuitamente tanto no Play Store
como na App Store de Apple.
Tamén
se puxo a disposición de veciños e visitantes unha nova web de
Turismo (turismo.ribeira.gal)
que recolle información sobre os principais atractivos e recursos
turísticos da localidade.
Modernización da sede electrónica
O
obxectivo da modernización da sede Electrónica é “axilizar a
tramitación dos expedientes” e “lograr unha maior coordinación
interna e unha mellor comunicación cos cidadáns, que agora dispoñen
dunha plataforma que lles permite realizar os trámites de maneira
máis sinxela”, explicaron fontes do Concello, engadindo que
“grazas a unha nova solución tecnolóxica para a presentación de
documentos na Oficina de Atención Cidadá, a través do sistema de
interconexión de rexistros (SIR), pódense suprimir os envíos de
papel entre administracións ao xerar copias auténticas electrónicas
da documentación presentada”.
Esta
sede electrónica posibilita a interconexión coa Plataforma de
Intermediación do Estado autenticándose coa Cl@ve PIN, e non só co
certificado dixital ou DNI electrónico, como se facía ata o de
agora, e propicia a acreditación de representantes ou apoderados.
“Con
todo isto acádase unha solución tecnolóxica que permite a
recepción, identificación e seguimento de avisos, queixas ou
suxestións e disponse dun taboleiro edictal único no que acceder a
todas as publicacións locais oficiais”, apuntan fontes do
Consistorio, salientando que amais de todo isto “posibilítase aos
veciños, por exemplo, xestionar unha cita cun departamento ou edil
da Corporación ou coa Alcaldía”.
Cartelería dixital

- Pantalla na porta do Mercado Municipal
En
canto ás accións de cartelería dixital, instaláronse seis
pantallas de gran formato e alta resolución, tres interiores e tres
exteriores, que serven para informar á cidadanía sobre diferentes
asuntos municipais e tamén para difundir información emanada dos
propios cidadáns. En concreto, os paneis interiores instaláronse na
Casa do Concello, na entrada do Mercado Municipal e na entrada do
Complexo Polideportivo da Fieiteira; e os exteriores, nas fachadas da
Casa do Concello e da Sala Museo Municipal e na contorna da Oficinal
Municipal de Turismo.
Trátase
de paneis intelixentes e conectados en liña mediante un reprodutor
multimedia de contidos capaz de transmitir fotos, vídeos, arquivos
PDF, audio, redes sociais ou páxinas HTML, controlados mediante unha
plataforma software de control e xestión de contidos instalada na
nube.
Sistema de gravación e retransmisión de eventos

- Elementos para a retransmisión de eventos dende o Pavillón da Fieiteira
No
marco destas actuacións tecnolóxicas, habilitouse tamén un
innovador sistema de gravación e de retransmisión de eventos que
funciona a través dun sistema de cámaras e elementos de son fixos
instalados no Pavillón Municipal e no Campo de Fútbol da Fieiteira.
Este sistema permite a realización e emisión de eventos de forma
automática ou con realización manual e conta con sistema de
control, xestión e axendado de eventos.
Actualmente,
estanse a facer probas de gravacións de partidos que xogan equipos
de Ribeira de diferentes categorías, como o Cidade de Ribeira C.F.
ou o C.B. Baloncesto Barbanza. Estes encontros poderán verse na
páxina web e na canle de YouTube do Concello.
Renovación da infraestrutura de telecomunicacións do Consistorio

- Cargador de móbilos nos soportais da Casa do Concello
En
base ás necesidades do Concello de Ribeira en materia de
comunicacións electrónicas e procesamento de datos (debido ao uso
máis intensivo das TIC nos seus servizos), mellorouse a rede de
cableado para facilitar o acceso ás tarefas de administración
electrónica ao persoal do Concello e realizouse a adecuación do
Centro de Procesamento de Datos (CPD) e o seu correcto
dimensionamento e acondicionamento para que poida converterse no
centro de control de todas as instalacións e servizos informáticos
do Consistorio, cumprindo cos parámetros de calidade de servizo e de
seguridade.
Amais,
instaláronse cargadores para dispositivos móbiles (dous tipo USB e
un de carga rápida ou quick charge)
nos soportais da Casa do Concello, a disposición de todos os
veciños.
Solucións para mellorar a seguridade viaria
Outra das actuacións que xa está adxudicada consiste na posta en marcha de mecanismos e solucións innovadores intelixentes que reduzan a siniestralidade de viandantes e ciclistas nos pasos de peóns. Ao abeiro desta liña de traballo propúxose a instalación de sinalización LED vertical e horizontal, balizas con paneis solares integrados, luminarias LED, elementos de detección de peóns, radares pedagóxicos con display LED e diferentes elementos de concienciación en materia de seguridade, na forma de pictogramas, en catro pasos situados na avenida da Coruña, no acceso a Ribeira dende Palmeira.
Investimento
Esta
operación enmárcase na EDUSI Máis Ribeira Atlántica 2020
(MRA2020), financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento
Rexional dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS)
2014-2020 (actualmente integrado no Programa Operativo Plurirrexional
de España (POPE) FEDER 2014-2020).
En
concreto, adscríbese á Liña de Actuación denominada A12
Modernización da Administración e Smart Village Ribeira,
dentro do Obxectivo Temático 2 de Mellora do uso e a calidade das
tecnoloxías da información e da comunicación e o do seu acceso.
O
investimento total previsto para esta actuación foi de 600.000 €,
do cales 480.000 corresponden a fondos FEDER, mentres que os 120.000
€ restantes son achegados polo Concello de Ribeira.
