Roberto Zompi anima aos desenvolvedores galegos a sumar forzas na alianza GENIVI
venres, 30 de outubro do 2015

- Roberto Zompi, á dereita, acompañado do noso empresario e activista open source Roberto Brenlla
Roberto Zompi achegou
este venres no congreso LibreCon
un dos relatorios máis agardados do programa de actividades do
devandito evento de software libre e negocios. Zompi, un dos grandes
expertos na aplicación do software para o desenvolvemento de coches
intelixentes e conectados, falou no congreso compostelán do gran
reto da industria TIC con respecto ao sector do motor: acompasar o
seu ritmo de desenvolvemento (funcionalidades, aplicacións,
electrónica) ao ritmo adoptado en materia de innovación pola
industria do automóbil. En parte para isto, explicou, púxose en
marcha a alianza mundial GENIVI,
da que Zompi é vicepresidente. Dela desvelou múltiples detalles,
animando aos presentes no congreso a adherirse á comunidade, e máis
tendo en conta “o carácter referencial de GENIVI na
estandarización de recursos de fontes abertas no ámbito do motor”.
Dende o principio, dixo,
ten que quedar claro que non todo pode estandarizarse, ou sexa,
estabilizarse en fonte aberta ao servizo da comunidade. Porén, si
que hai unha boa parte de elementos con potencial de ser e
presentarse como open source. Segundo fixo saber o relator,
determinar cales son susceptibles de seren estandarizados para
poñelos logo a disposición da colectividade é outro dos cometidos
de GENIVI, unha alianza de organizacións e entidades que contribúen
con achegas abertas para completar e abastecer a cadea de valor dos
fabricantes de automóbiles en materia electrónica.
En GENIVI, dixo,
participan grandes e pequenas empresas, cada unha contribuíndo con
partes de maior ou menor envergadura, pero todas elas importantes
(todos son elos da mesma cadea), cubrindo no seu conxunto e nas súas
partes todas as normas regulamentarias e requirimentos da Unión
Europea (non todo é seguro ou rendible, segundo a UE). Na
plataforma hai múltiples pólas e ámbitos de traballo: dende grupos
de expertos en media e gráficos a grupos específicos de
conectividade, networking, aplicacións, toma de decisións,
mercadotecnia, etc.
Amais do devandito, Zompi
levou aos presentes a un percorrido exhaustivo pola arquitectura de
GENIVI, unha estrutura complexa que define o alicerce de cumprimento
normativo. Lembrou que non todos os recursos que a organización pon
ao alcance da man da industria e consumidores o mesmo nivel de
estandarización. Ao respecto disto, unha boa parte do traballo de
GENIVI diríxese a determinar cales elementos cumpren cun mínimo de
esixencias para dispoñibilizarse en open source. “Cando se
guinda un novo compoñente ao mercado”, dixo, “debemos enxergar
se ese compoñente é susceptible de ser acubillado na nosa
arquitectura, porque está claro que non todo o que se subministra
cumpre con determinados requirimentos e esta vertente non empregable
debe rexeitarse”. Zompi sinalou que se ben non teñen resposta
dende a alianza para o emprego de programas de fonte pechada, si que
é certo que existe a capacidade dentro da organización para achegar
alternativas. Sobre a base do que si que pode resultar útil, GENIVI
adícase tamén a certificar elementos e avalalos, dixo. “Con
isto”, explicou, “abrimos a porta a compañías e entidades que
se ben non forman parte da nosa alianza, pasan a formar parte
colaboradoras”.
Zompi lembrou que en
Magneti Marelli “somo precursores da máxima de levar cousas da
teoría á realidade”. A idea, en boa medida, era “demostrar que
con código de natureza aberta, alleo ou creado por nós, podíamos
chegar a ter importantes taxas de crecemento e de éxito, para nós e
para os demais, para Magnetti Marelli para os membros de GENIVI”,
sinalou. Ao fío disto, animou aos presentes a integrarse na
organización e visualizar os seus traballos e os seus enxeños.
O relator
Roberto Zompi é xerente
de Enxeñaría Avanzada na multinacional de compoñentes e sistemas
de alta tecnoloxía para o automóbil Magneti Marelli, pertencente ao
Grupo Fiat Chrysler, histórico propietario de marcas do prestixio de
Ferrari, Lancia, Alfa Romeo e Maserati. É tamén vicepresidente de
GENIVI Alliance, un consorcio que promove a aplicación de software
de código aberto no eido do motor.
