Rueda e Pereira salientan en #IURISTICGAL18 o gran chimpo adiante que experimenta a xustiza da man das TIC

mércores, 10 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

Non hai nada que indique que vaia cesar o debate, a reflexión e o intercambio de coñecemento arredor dos moitos puntos onde conflúen TIC e xustiza. Proba diso é a gran repercusión que ten a nova edición, a oitava, de #IURISTICGAL18, a Xornada de Informática Xudicial que organiza o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia coa colaboración da AMTEGA, este ano co título Privacidade, blockchain e ciberseguridade. A cita desenvólvese hoxe no edificio CINC da Cidade da Cultura, ante a presenza de preto dun cento de asistentes.
No acto de inauguración fíxose fincapé nos retos que achega a protección en liña, a salvagarda dos datos ou os novos xeitos seguros de transmitir información e diñeiro dixital (criptomoedas). “Todo o que se faga a prol destes ámbitos, repercutirá positivamente na cidadanía”, sinalouse.
Na sesión de apertura participaron Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, Mar Pereira, directora da axencia AMTEGA, e Marcos Mata, o presidente do CPETIG. Segundo fixo saber este último, “xa non podemos ficar á marxe da protección dixital e dos seus retos principais, nin podemos interromper o debate arredor do regulamento actual de protección de datos”. Mata tamén aproveitou para reivindicar o importante papel que despregan nestes ámbitos as e os profesionais que representa o colexio, as Enxeñarías en Informática, e fixo unha nova proclama a prol do pleno recoñecemento da profesión respecto das restantes enxeñarías, un tema no que, por desgraza, cómpre seguir traballando.
Na inauguración tamén interveu Mar Pereira, que cualificou a xornada “como un máis que necesario punto de debate sobre o punto de encontro entre o xurídico e o tecnolóxico”, onde se poñen de manifesto unha serie de retos que a axencia AMTEGA comparte plenamente. Por exemplo, o desafío da dixitalización da xustiza e o reto dos ciberdelitos e o seu imparábel crecemento. Asemade, salientou o “primeiro nivel” dos relatores e a “plena actualidade” dos temas a tratar, con asuntos de gran interese como os sistemas blockchain, unha tecnoloxía que, entre outras cousas, salienta por posibilitar a transferencia de datos dunha maneira cen por cen segura grazas a unha codificación avanzada que ceiba o camiño de intermediarios que comproben a información.
Na apertura tamén participou Alfonso Rueda, que enxalzou a colaboración que hai hoxe en día, “ao longo de todo ano”, co CPETIG, principalmente á hora de facer cousas tecnolóxicas e innovadoras que son “de interese público e común”. Asemade, o vicepresidente dixo que nunha xornada de asuntos tan avanzados como a Xornada de Informática Xudicial é inevitábel ollar cara a atrás e facer balance do acadado nestes anos en materia de dixitalización, un proceso no que xogou un papel decisivo o Plan Senda da Administración autonómica, que está arestora mergullado na súa segunda parte e que xa supuxo a posta en xogo dun investimento de 50 millóns de euros. Segundo fixo saber, “a Administración de Xustiza será unha das que máis fará notar estes cambios tecnolóxicos tan relevantes”. E engadiu: “En moi poucos ámbitos administrativos poderá percibirse dunha forma tan clara este antes e este despois do proceso dixitalizador”.
Relatores
Trala inauguración interveñen Santiago Márquez, Luis de Salvador, Silvia Barrera e Eloy Velasco. Logo, será a quenda da mesa redonda Quo Vadis seguridade TIG-xurídica?, moderada por Víctor Salgado, avogado TIC e director técnico da xornada.
O congreso, segundo informamos os días pasados, ten por obxecto “profundar na nova realidade tecnolóxica derivada do blockchain e nos conceptos de privacidade e ciberseguridade, analizando as súas implicacións xurídicas”.
Para quen non o saiba, o blockchain é unha tecnoloxía que, entre outras cousas, salienta por posibilitar a transferencia de datos dunha maneira cen por cen segura grazas a unha codificación avanzada que ceiba o camiño de intermediarios que comproben a información. Segundo avanza nun plano máis concreto o CPETIG, falar de blockchain é falar da tecnoloxía de cifrado de datos que está detrás da moeda virtual bitcoin. Porén, engade o colexio, as súas posibilidades van máis aló, e tamén serve para crear outras criptomoedas que se baseen nos mesmos principios, pero que teñan outras propiedades (política, algoritmo, etc.).
A edición deste ano da Xornada de Informática Xudicial abordará, entre outros temas de actualidade, as consecuencias da irrupción das criptomoedas, con centos de moedas virtuais no mercado baseadas nesta tecnoloxía que mobilizan millóns de euros acotío, “no que representa”, en palabras do CPETIG, “unha das maiores revolucións tecnolóxicas recentes”. Para a entidade profesional que preside Marcos Mata, unha das cuestións máis innovadoras deste diñeiro virtual radica na súa tecnoloxía base, a rede blockchain, que permite dotar da máxima seguridade a contornos públicos e descentralizados.

PUBLICIDADE