SIVSA continuará mellorando os procesos de xestión e información do noso sector pesqueiro
martes, 26 de xuño do 2018
Entre as empresas galegas
que máis están a facer pola dixitalización das nosas entidades
privadas e públicas atópase SIVSA. Como lembraremos, a firma ten na
súa bagaxe iniciativas como
o fornecemento de computadores para os nosos colexios públicos
(Proxecto Abalar) ou o
subministro de novos e avanzados sistemas marítimos para AMTEGA.
Ao fío deste último punto, SIVSA acometeu (por unha banda) o
desenvolvemento dun sistema de información para a xestión no eido
de recursos marisqueiros e (pola outra), a creación dun sistema para
a mellora da calidade da Plataforma Tecnolóxica de Pesca (Rexistro
de Buques de Galicia e Permisos de Marisqueo a Pé). Agora,
SIVSA vén de informar de que continuará, polo menos até 2020,
mellorando os procesos de xestión e información do sector do mar
mediante o desenvolvemento de novas funcionalidades da dita
Plataforma (PTP).
O novo contrato, dotado
cun importe de máis de 360.000 euros, estará vixente ata xuño de
2020 dando continuidade aos traballos realizados até o de agora por
SIVSA, en colaboración coa Consellería do Mar e a axencia
autonómica AMTEGA, desde o exercicio 2012, ano no que se accedeu por
primeira vez ao servizo.
Segundo informa SIVSA, a
Plataforma Tecnolóxica da Pesca é un proxecto da Administración
galega que ten como principal obxectivo fornecer de ferramentas de
xestión e de recollida de información do sector pesqueiro. Ofrece
unha serie de servizos aos sectores produtivos e comercializadores
para servirlles de apoio á xestión dos recursos pesqueiros, e á
rastrexabilidade asociada ao seu transporte e comercialización, en
concordancia coas esixencias legais existentes.
A empresa galega tamén
salienta que “o novo contrato garante a continuidade nos traballos
de modernización tecnolóxica e posta en marcha de melloras no
ámbito funcional e no alcance de diversas aplicacións e servizos,
como notas de venda de pesca fresca, pesca conxelada e acuicultura ou
a xestión de documentos telemáticos”. Asemade, acometerase a
adaptación ao proxecto Trazapes que está a desenvolver o Ministerio
de Agricultura e Pesca, e que busca ter un control total da
rastrexabilidade dos produtos pesqueiros “desde a rede á mesa”.
No plano tecnolóxico, a
Plataforma Tecnolóxica da Pesca integra distintas funcionalidades
baseadas en tecnoloxías .NET e outras baseadas na plataforma
corporativa da AMTEGA para o desenvolvemento de aplicacións, cuxos
principais compoñentes son o servidor web Apache, o servidor de
aplicacións Java Jboss, o servidor de base de datos SQL Server, JEE,
JRE, Maven 3, Spring ou Hibernate, ademais de módulos BI para a
análise de permisos de marisqueo a pé.