SIVSA fornecerá de computadores a colexios públicos de toda Galicia
venres, 1 de decembro do 2017
A
empresa galega SIVSA, da que temos falado en Código Cero para
salientar as vantaxes e características pioneiras das plataformas
Fenix
e Geenie,
vai abastecer de computadores ao alumnado de colexios públicos de
toda a xeografía galega. Este subministro vén dado pola
adxudicación a SIVSA, por parte da Xunta de Galicia (a través da
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA), da
subministración e mantemento dos equipos informáticos para
estudantes do proxecto Abalar-EDIXGAL, que facilita o acceso ás
novas tecnoloxías a alumnos e profesores de toda Galicia. En virtude
disto, a firma iniciará nas vindeiras semanas, e até final de ano,
a achega de 14.600 computadores de última xeración nos colexios
públicos galegos.
A
Xunta valorou a elección por parte de SIVSA dun hardware HP deseñado
e fabricado especialmente para o ámbito educativo, de calidade
contrastada e cun soporte técnico de primeiro nivel. Estes equipos,
explica a empresa con sede en Vigo, inclúen un procesador de última
xeración, avanzado e de alto rendemento, “que permitirá aos
alumnos utilizar eficazmente os programas, contidos dixitais e
ferramentas máis avanzadas”. Ademais, SIVSA dotará tamén aos
computadores de lapis apuntador, nas súas palabras unha ferramenta
“de gran utilidade na dinámica da educación con soporte dixital”.
Ademais do dito fornecemento, SIVSA realizará o soporte técnico e
mantemento durante o próximos cinco anos, para garantir o uso dos
equipos por parte do alumnado.