SIVSA, premiada polo seu servizo ao cliente

mércores, 11 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

SIVSA, da que falamos recentemente para dar conta dos seus traballos (e da renovación dos mesmos) na modernización da Plataforma Tecnolóxica de Pesca (PTP), volve estar de actualidade no panorama mediático cun importante recoñecemento ao seu labor. Segundo puidemos saber, a Revista Ejecutivos vén de premiar as máis de tres décadas de actividade internacional da empresa galega, centrada en servizos avanzados de consultoría e desenvolvemento de sistemas tecnolóxicos.
A firma viguesa foi recoñecida pola dita publicación co premio Servizo ao Cliente. Os Premios Executivos Galicia, que chegaron á súa oitava edición, entregáronse hoxe na sede do Círculo de Empresarios ante a presenza de múltiples representantes dos eidos político, social e empresarial da nosa terra. O premio foi recollido por Adrián Alonso, adxunto á dirección de SIVSA, que estivo acompañado por parte do equipo directivo da compañía.
No acto, presidido polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, tamén foron premiados Ignacio González Hernández, director executivo de Pescanova (Premio Executivo do Ano); Babé y Cía (Premio Empresa do ano); Francisco Cal (Premio Traxectoria Profesional); Pérez Rumbao (Premio Empresa Familiar); Adegas La Val (Premio Calidade); Clúster Turismo de Galicia (Premio Iniciativa Empresarial); Francisco Gómez-Ulla de Irazazábal (Premio Prestixio Profesional); e Correos (Premio Transformación Dixital).

PUBLICIDADE