SIVSA reforza o seu equipo de Madrid

luns, 5 de decembro do 2016 Redacción

JPEG - 50 KB
Antonio Sánchez Arnanz, nova incorporación á equipa de Madrid

A compañía viguesa SIVSA Solucións Informáticas, centrada na área das tecnoloxías da información, vén de anunciar a incorporación dun novo membro ao seu equipo de desenvolvemento de negocio en Madrid, trátase de Antonio Sánchez Arnanz. Achegándonos á traxectoria da nova fichaxe de SIVSA, cómpre sinalar que estudou informática na Universidade Politécnica de Madrid e conta con máis de 15 anos de experiencia en desenvolvemento de negocio no sector TIC. Comezou a súa andaina profesional na Administración Pública para logo pasarse ao sector privado, en empresas como: Oesía, Axpe Consulting ou Wairbut. Asemade, Antonio foi responsábel de mercadotecnia da compañía Wairbut centrándose na definición e o lanzamento de novos produtos (plataforma de firma, Internet of Things, Smart Cities...).
En canto a SIVSA, a presenza de Antonio na empresa terá como obxectivo aumentar a carteira de clientes e potenciar as relacións cos xa existentes dando a coñecer as competencias e solucións da empresa.
Arestora, SIVSA conta con case 70 profesionais en Madrid, sendo a previsión de crecemento na capital para o vindeiro ano superior ao 20%. SIVSA, a maiores, é unha empresa referencial en solucións informáticas para a saúde, con máis de 25 anos de experiencia e presenza en máis de 30 hospitais en seis países diferentes. A empresa galega, como recordaremos, é responsábel de importantes desenvolvementos informáticos como Fenix (software de xestión clínica na nube para médicos e clínicas de pequenas dimensións) e Hosix (innovador sistema para a xestión e a información hospitalaria).

PUBLICIDADE