Sada anuncia axudas para equipar con material informático os colexios do concello
venres, 23 de decembro do 2016
O Concello
de Sada anunciou esta semana que vai subvencionar a educación
tecnolóxico-dixital dos colexios emprazados no municipio coruñés.
Así o fixo saber Raquel Bolaño, responsable da Concellería de
Educación, que é de onde parte a devandita resolución a prol da
afianzar a capacitación TIC nos centros escolares locais. Esta
materializarase en diversos material informático para os centros
sadenses de Educación e Primaria. O obxectivo é “impulsar a
eEducación e o acceso de todo o alumnado ás novas tecnoloxías como
ferramenta de aprendizaxe”.
Outra das finalidades desta medida é pór de
manifesto a necesidade de complementar o proceso de capacitación TIC
no ensino con material informático e investimento económico. Ao fío
disto, o Concello fai un chamamento á Consellería de Educación
para que “forneza aos orzamentos da Xunta as contías económicas
precisas para dotar aos programas arestora en desenvolvemento nos
propios centros escolares”.
O Goberno local tamén sinala que os criterios e
outorgamento destas axudas son “obxectivos”, tomando como
referencia de gasto para cada centro a operación de 4 euros por
alumno/a excepto no EEI Carnoedo, “onde se achega o material
indistintamente do alumnado ao tratarse dun centro con poucos
alumnos”. En palabras da concelleira, “este formato de subvención
permite que cada colexio teña liberdade de elección para mercar o
material informático que considere apropiado”.
Deste xeito, a Concellería achega ao CEIP Pedro
Barrié de la Maza 2.188 euros, ao CEIP Sada e Contornos 864 euros e
ao CEIP O Mosteirón 1.144 euros. Polo que se refire ao EEI de
Carnoedo, o departamento que dirixe Raquel Bolaño sinala que o seu
número de alumnos “é tan reducido”, de 14 nenas e nenos, “que
non permite a aplicación do criterio obxectivo de 4 euros por
alumno/a”. Neste caso, subvención consistirá nunha tableta a
disposición de toda a aula. O importe total da subvención ascende a
4.345 euros.
