Sae á venda o libro Los secretos de Hyrule

mércores, 29 de novembro do 2023 Marcus Fernández

Adrián Suárez Mouriño é o galego autor do novo libro sobre The Legend of Zelda

Adrián Suárez Mouriño, director executivo do grao e mestrado en Deseño e Desenvolvemento de Videoxogos da UNIR e doutor en Narrativa de Videoxogos pola UDC, así como autor de libros como Sobre Mario, El padre de las almas oscuras e Los secretos de las Tierras Intermedias, ten unha nova publicación relativa á cultura do lecer interactivo, Los secretos de Hyrule, libro que explorara a historia e a mitoloxía da saga The Legend of Zelda. O texto pódese adquirir en papel e en formato dixital dende hoxe mesmo, e a súa publicación levounos a conversar co seu autor.

– Que motivou que decidises escribir un libro sobre Zelda?
– Son varios os motivos. Por suposto, The Legend of Zelda é unha saga de videoxogos que estivo o meu carón toda a miña vida, pero o que me interesa dela e que unha colección de videoxogos que serviu para establecer moitas das ferramentas narrativas que o videoxogo emprega a día de hoxe. The Legend of Zelda: Ocarina of Time foi fundamental para construír Dark Souls, por exemplo.
Coa chegada de Breath of the Wild e Tears of the Kingdom, a saga chegou a un punto de madurez no que era interesante analizar como conta as súas historias, como conecta un capítulo con outro e cales son todos os segredos da súa historia, sobre todo aqueles que os videoxogos non contan.

– Non resulta demasiado complicado narrar tradicionalmente unha historia que normalmente vívese de xeito interactivo?
– Para nada. É o mais común do mundo que unha mesma historia cóntese en distintos medios. Cada medio ten os seus recursos narrativos que ofrecen distintos enfoques da mesma historia. No meu libro ordeno todas as historias que foron contadas de forma interactiva e as converto nunha única narración. Desta forma, ofrécense novos enfoques.

– Se algo podemos ver nos xogos de Zelda é variedade de enfoques, de xeito que puidemos vivir as aventuras de Link a lombos de Epona, navegando en barco, viaxando en tren, voando polos ceos... Como casan todas estas aventuras nunha historia coherente?
– Para descubrilo, terás que mercar Los Secretos de Hyrule: Más allá de The Legend of Zelda, jaja. A clave para conectar as historias e fixarse nos valores estéticos, nas mensaxes que os autores queren dar. Ese é a cola que enfía todos os episodios. Por iso, no meu libro interpreto todos eses detalles e los os transformo nunha narración completa, dende Skyward Sword até Tears of the Kingdom.

– As últimas entregas de The Legend of Zelda están marcar unha aposta máis decidida por unha narrativa máis tradicional? Quizais é un reinicio para achegarse a máis a audiencias máis amplas?
– En realidade, Nintendo leva narrando do mesmo xeito dende Super Mario Bros. Narra o escenario, os inimigos e as sensacións o percorrer o seu mundo. Tras cada final de mundo de Super Mario Bros, Toad dábanos unha pista. Aquí temos os recordos. Pero, en esencia, Nintendo sempre mantivo os seus sinais de identidade. Iso tamén forma parte de maxia de The Legend of Zelda.

– Que anuncien que vaian facer unha adaptación para o cine destas aventuras é a culminación da evolución desta saga? Mandarás copia do teu libro a Avi Arad para que non se perda en Hyrule?
– Encantaríame participar nesa película, e oxalá Nintendo empregara o meu traballo para levalo a gran pantalla. Sería un soño feito realidades, pero con saber que con este libro moita máis xente, grandes e pequenos poderán mergullarse nun mundo tan máxico como é o de The Legend of Zelda, estarei satisfeito.
E se queren coñecer de que trata o libro, preséntase na Fnac Coruña o martes 12 de decembro o presento en Fnac con Pablo Grandío, director de Vandal.

PUBLICIDADE