Salceda presenta un proxecto para subir no carro das TIC ao comercio local

xoves, 28 de setembro do 2017 Redacción

O Concello de Salceda de Caselas deu a coñecer onte unha iniciativa dirixida a espallar o coñecemento e as habilidades tecnolóxicas entre o tecido económico da vila e a súa contorna. Máis polo miúdo, encamíñase a dinamizar o comercio minorista mediante a integración, no seu seo, de ferramentas innovadoras e medios telemáticos. Trátase de Salceda Dixital e vén da man da Concellería de Comercio e Formación que dirixe a edil Loli Castiñeira. O proxecto quere achegar vantaxes e beneficios aos comerciantes e autónomos locais que desexen ter presenza na Internet e, incrementar e mellorar, deste xeito, a súa comunicación cos clientes, as súas redes de distribución, a súa xestión e, por suposto, a súa visibilidade.
A través del forneceráselles de formación en novas tecnoloxías, ferramentas informáticas e asesoramento e titorías personalizadas. Con este fin, debullaranse de maneira gradual as diferentes metodoloxías e ferramentas dispoñíbeis (Google My Business, Google+, Facebook, Twitter e Instagram, etc) a día de hoxe para acadar “unha boa presenza na Internet” , captar clientes novos e facilitar a interacción cos que se teñen.
Tal e como sinalaba a concelleira Loli Castiñeira na presentación desta ferramenta, “trátase dun proxecto pioneiro en toda Galicia que xunto co equipo de técnicos do CDL poñemos a disposición dos nosos comercios para facilitarlles o acceso ás novas tecnoloxías, abríndolles un magnífico eido de difusión e captación de clientela que non sempre é suficientemente aproveitado, e ao que os nosos comerciantes poden sacarlle un enorme partido”.
O proxecto está na súa integridade subvencionado polo Concello de Salceda de Caselas, a través das Concellarías de Comercio, Emprego e Formación. As persoas interesadas poden inscribirse no Facebook do CDL O Torrón ou na súa páxina web coa única condición de ter un negocio ou comercio activo en Salceda, e estar dado de alta no réxime da Seguridade Social en Autónomos.

PUBLICIDADE