Samsung advirte: a tecnoloxía 3D pode provocar mareos e desorientación

martes, 20 de abril do 2010 Fernando Sarasketa

O cinema, logo da tecnoloxía 3D, nunca será o mesmo. Para ben ou para mal, depende de quen o vexa e como se vexa. Dende logo, os tempos en que os filmes se proxectaban con raias e empalmes e había que facer calar ás persoas que estaban preto para non perder os diálogos, hai tempo que ficaron atrás. O que gaña terreo é o son a todo volume e a imaxe que che sae o paso grazas á mestura de tecnoloxía e anteollos 3D, elementos que están ben se a calidade do filme acompaña e se seguimos unha serie de consellos. Como por exemplo os que achega Samsung, discutibles porque pode vir dunha opinión interesada pero aos que cómpre ter en conta ao tratarse dunha tecnoloxía relativamente nova aínda por descubrir. Segundo reflicte Xornal, entre as instrucións máis salientables aconséllase suprimir calquera luz fluorescente ou solar do espazo de proxección.
Amais disto, e xa meténdonos en cuestións de saúde mental, non é recomendable acudir ás salas 3D se temos problemas de sono, malas condicións físicas ou ben unha cantidade máis ou menos considerable de alcol no corpo. Dito doutro xeito: cómpre que levemos a cabo unha autoanálise semellante á que fariamos antes de subir a unha montaña rusa. De non pórse en xogo estas e outras normas do sentido común, estariamos (en palabras da casa Samsung) a crear unha situación propicia para mareos, alteracións da visión, tics, confusión, náusea, perda da consciencia, cambras ou desorientación.