A conxelación das vendas do Samsung Galaxy Note7 e o aviso aos consumidores do risco que podería supor a súa batería por un defecto de fabricación (remitindo incluso unha mensaxe a cada terminal o pasado 2 de setembro) non parece ter alertado debidamente aos consumidores, de aí que durante as últimas semanas escoitáramos falar de diversos accidentes nos poucos países nos que o smartphone chegou a saír á venda. Concretamente menos do 15% dos consumidores norteamericanos cun Note7 terían devolto ao fabricante o seu terminal, o que levou ás autoridades estadounidenses a entrar no asunto, de xeito que a Comisión de Seguridade de Produtos de Consumo forzou a Samsung a actuar de xeito firme.
Temos así que Samsung estableceu un programa de chamada a revisión dos terminais oficial, publicando na súa páxina web información ao respecto xunto cun formulario no que introducindo o IMEI dun terminal os consumidores poderán saber se é unha das unidades afectadas polas baterías defectuosas, e incluíndo as instrucións sobre como devolver o seu dispositivos.
A través deste programa Samsung comprométese a substituír os Note7 actuais por outro novo sen batería defectuosa antes do 21 de setembro ou substituír o Note7 por un S7 ou un S7 edge xunto o abono da diferenza de prezo entre os smartphones. Adicionalmente os consumidores recibirán unha tarxeta de agasallo por valor de 25 dólares.
Samsung xa mudou de subministrador de baterías para o Note7, polo que cando o produto chegue ao mercado español previsiblemente a primeiros do mes que vén non habería ningunha unidade defectuosa en circulación, aínda que Samsung terá que facer unha importante campaña de comunicación para tranquilizar aos compradores dun smartphone que, por outra banda, ten unha demanda moi elevada.
Entre os efectos perniciosos de todo este escándalo está o feito de que moitos consumidores están a pensar que non só os Note7 están afectados polos problemas de batería, senón que tamén afectaría aos Galaxy S7 e S7 edge, o que segundo os últimos rumores podería levar a que Samsung adiantase o lanzamento do Galaxy S8, evitando así os problemas de confusión e paliando en certa medida o impacto nas contas de Samsung da retirada de máis dun millón de móbiles do mercado (e do dano á súa imaxe pública).
Samsung inicia nos EE.UU. a retirada oficial dos Galaxy Note7 defectuosos
Compartir Este Artigo
